Opinión

Decididamente... bo para o planeta!

Ao comezo da longa corentena do coronavirus, escribín timidamente nesta columna: “Malo para a xente, bo para o planeta?”. Admitía que este título podía soar a menosprezo da vida humana, pero que a crise da pandemia podía supor unha axuda á volta do equilibrio na natureza, fronte aos nosos atentados diarios contra o planeta; e que recuperar ese equilibrio podería supor tamén recuperar a nosa harmonía rota. Mes e medio despois, podo dicir que o coronavirus foi bo para o planeta; viuse que os humanos somos a especie máis destrutora del, e parar a nosa actividade foille manifestamente útil.

O coronavirus está a causar estragos na economía mundial e nas sociedades ricas: fábricas e negocios pechados, autopistas baleiras, rúas desérticas, peche de centros educativos e de ocio… Pero está a ser beneficioso para o medio ambiente: a diminución da produción industrial e o consumo desaforado, o descenso dos desprazamentos nas estradas, a diminución dos vós, a suspensión de grandes concentracións e eventos... tradúcese en menos contaminación, ceos máis claros e augas máis limpas. Desde China até Venecia, Londres, Barcelona ou Madrid.

O beneficio para o planeta non se ve só porque nas augas cristalinas dos canais de Venecia –antes moi contaminadas- víase o fondo e volveron os peixes. Ou porque polas rúas desertas de París ou Londres se viran pasear raposos. Ou que en Madrid e Barcelona, o ar se fixera ostentosamente puro pola drástica redución de máis dun 50% dos niveis de contaminación atmosférica na primeira semana do confinamento. O beneficio viuse de maneira máis importante no feito de que a diminución de gases de efecto invernadoiro fixo reducir o temible burato da capa de ozono.

Poderase manter algo este beneficio, ou a recuperación “normal” da actividade farase máis frenética que antes, para recuperar o “tempo perdido” da economía? USA e China xa están polo labor... de producir e contaminar máis.

A contaminación da atmosfera é unha imaxe da contaminación das nosas vidas. Edgar Morin, un gran pensador francés que admiro, dixo nunha entrevista ao comezo: “O confinamento pode axudarnos a unha destoxificación do noso modo de vida” (Nouvel Observateur). Oxalá triunfe a calidade de vida sobre a obsesión pola produción.

Comentarios