Opinión

Decepción co papa Francisco

A elección do Papa Francisco no 2013, e gran parte das súas manifestacións posteriores, foi unha primavera de ilusión renovadora para a Igrexa católica, tras do longo inverno eclesial de trinta e cinco anos de Xoán Paulo II e Bieito XVI, marcados pola represión e os escándalos na Igrexa. Moito esperabamos do papa arxentino. Xa teño falado aquí das poucas simpatías de Bieito XVI, cérbero da ortodoxia intransixente, versus as que xerou Francisco, líder dunha Igrexa máis aberta, que asumiu o papel do santo de Asís de restaurar unha Igrexa gravemente ferida e en decadencia, tras Xoán Paulo II “o Magno”.

Francisco produciu algúns memorables textos, como a magnífica exhortación  apostólica Evangelium gaudium e a valente encíclica ecoloxista Laudato si. Pero as súas verbas engaiolantes non se foron traducindo en feitos que produciran cambios reais na Igrexa. E se non se dan cambios concretos na estrutura dunha Igrexa autoritaria e patriarcal, pouco cambiará realmente esta de cara ao futuro.

O Sínodo da Amazonía, o pasado 2019 en Roma, acolleuse con gran expectativa; no só pola atención a esa zona tan abandonada  e maltratada, senón tamén porque podería abrir a Igrexa ao exercicio oficial dos curas casados e ao ministerio das mulleres. Así se manifestou no seu documento final, que aceptou Francisco. Pero o documento papal que acaba de ver a luz, Querida Amazonia, a pesares das fermosas e valentes palabras sobre a ecoloxía, caeu coma xerra de auga fría, pois rematou non aceptando o cambio na Igrexa que pedía a meirande parte dese pobo, xunto cos seus curas e mesmo os seus bispos.

En ningunha parte da Igrexa foi tan amarga a decepción coma en Alemaña, que celebra o seu sínodo, e Austria. O bispo de Linz falou de “gran decepción” e “noites de insomnio”.

Francisco non foi valente en tomar unha decisión que cambiaría de raíz a realidade dos curas na Igrexa católica. Certo que as presións dos sectores máis reaccionarios para que non se fixera o cambio pedido foron duras, pero facía falla que este papa non imitara a Xoán Paulo II, quen dixera nunha ocasión: “Sei que os curas van casar na Igrexa, pero non ocorrerá no meu pontificado”. Francisco, que se ten manifestado proclive ao cambio, tristemente veu facer o mesmo.

Comentarios