Opinión

Das lanchiñas ás "barquitas vintage"

No pasado Nadal, na coruñesa praza de María Pita, chea de xogos para as crianzas, atopamos diante da porta do concello unhas vellas lanchiñas coma aquelas que facían a nosa ledicia nas festas das parroquias. Pero a alegría do achado converteuse en tristura cando vin o letreiro: "barquitas vintage".Os nenos/as de A Coruña xa non saberán o nome das vellas lanchas, so coñecerán as "barquitas vintage".

Lía en Sermos Galiza a finais do ano pasado que atopar nos comercios regalos na lingua do país resultaba misión case imposíbel; só 0,6% dos xoguetes incluían o galego no seu contido. Con razón A Mesa apelaba á "responsabilidade lingüística" na adquisición dos agasallos e ao "compromiso" da Xunta para acabar con esta situación de minorización. Semella un consello case inútil, aínda que cumpra insistir nel "a tempo e a destempo", como lle pedía Paulo de Tarso a un discípulo.

Como é ben sabido, a nosa xente mais nova foi perdendo o galego a pasos axigantados nas ultimas décadas; é unha minoría a que o fala. As últimas análises din que nunca falan en galego o 44%!, e quen o falan habitualmente seguro que baixan outra metade. Para máis inri, non é só cuestión de práctica, senón que a pesar da materia escolar do galego, o 25% da mocidade di non saber expresarse en galego.

Non o dicimos só nos, o informe do Consello de Europa alertou deste retroceso do idioma propio de Galiza na última década; facendo os peores prognósticos, e dicindo que a escola e a falla de apoio institucional –mesmo retirando a prioridade do galego nas aulas– son unhas das causas máis importante. Sen dúbida, cómpre engadir a falla de sensibilidade nas familias, que manteñen cos seus votos esta Xunta inoperante. E non falemos dos profesionais sanitarios, sobre todo os médicos, como limos nos últimos días en Nós Diario.

Un pobo suicida, como dicía Manuel María. Até as lanchiñas levaron con elas parte do galego. Pero, "se perdemos a lingua non seremos ninguén".

Comentarios