Opinión

O cura de Zas, a 'fachosfera', a 'manosfera' e a Igrexa reaccionaria

As verbas do cura de Zas chamando  “manada de cerdas” ás feministas e cualificando de “gilipollas” os votantes do BNG, fixéronse “virais” semanas antes de acabar o ano.

De contado, o párroco pediu desculpas por esta reacción feita “en quente” e o bispado de Compostela aceptou, sen máis, estas desculpas. Pero non era abondo.

Todo podería ter quedado na anécdota dun facha pintoresco, que deshonra a sotana que loce con orgullo, pois cando o ordenaron cura pedíronlle vivir en coherencia co seguimento de Xesús (“Pregoa o Evanxeo e vive conforme ao que pregoes”), e as palabras e ditos do Nazareno din o contrario. Pero, ademais de suscitar o lexítimo desgusto en moitas/os, particularmente nas mulleres feministas cristiás, é a expresión dunha realidade de Igrexa que resulta realmente preocupante, como manifestaron as mulleres do colectivo Exeria denunciando “o contexto eclesial que o permite e non toma medidas enérxicas para erradicar este comportamento”.

O contexto ao que se refiren é a formación reaccionaria e machista que están a recibir desde hai anos os futuros curas no Seminario de Compostela, cuns formadores ultras que non comparten os ventos renovadores que o papa Francisco tenta traer a unha Igrexa decadente que os escándalos e a falla de vitalidade están a levar cara a súa fin, se non é quen de volver aos principios evanxélicos cos que naceu.

Posiblemente, o cura de Zas non coñece aos MGTOW (Men Going Their Own Way, “os homes que queren trazar o seu propio camiño”), a comunidade virtual organizada dos masculinistas; estes son militantes antifeministas que reivindican aberta e violentamente o seu odio ás mulleres, sobre todo ás feministas. Pero el e os seus colegas forman parte tanto desa “manosfera” como da “fachosfera”, polo seu odio a “podemitas” e “bloqueros”. Este colectivo internacional está marcado por un odio no que non deberían caber persoas que se din cristiás e, consecuentemente, din pregoar o Evanxeo do amor.

Comentarios