Opinión

Cultura democrática e un cartaz do BNG

Na semana pasada, ao baixar a escaleira do meu piso na Coruña, atopei tirado no chan un cartaz do BNG, posiblemente arrincado do poste no que estaba na rúa. Pode que non fose así, que caera fortuitamente e alguén do edificio o recollera amorosamente, sabendo que alí vivían uns votantes do Bloque que poderían darlle un bo uso... Sospeitaba o primeiro; pero quería crer que os meus veciños eran respectuosos coas opcións políticas distintas da súa, como corresponde a un país que se di democrático e que ten unha cultura democrática. Despois descubrín que estaban de obras nun dos pisos, e que o cartaz, de material forte, éralles moi práctico botado no chan para poñer o material nel. Outra volta vin, con tristura, que esa era a cultura e sensibilidade democrática deses veciños meus e os seus obreiros.

Aínda teño moi vivamente no meu maxín unha imaxe das últimas eleccións. Un home adulto, non moi vello, ía por unha rúa do barrio arrincando os cartaces do BNG e botándoos con noxo no chan. Iamos de paseo a miña dona e mais eu e chamámoslle a atención, pero ele liscou correndo. Teríamos feito o mesmo se alguén dunha opción política como a nosa fixese outro tanto, arrincando antidemocraticamente a publicidade doutra opción política.

Naqueles días, no encontro de Ana Pontón coa xente da cultura da Coruña no xardín de San Carlos, falou a nosa candidata da falla de cultura democrática no país. E que iso permitía prácticas caciquís antidemocráticas como as da TVG e outras moitas. Feitos coma o que veño de contar confirman tristemente esa afirmación. Como se vai construír así un país democrático, responsable e respectuosos coa pluralidade e a riqueza social?

Oxalá o 12 de xullo sexa a hora do cambio cara a unha nova Galiza, que traballe ardegamente por esa cultura democrática, como fixeron no pasado os homes e mulleres de “Nós”; unha cultura aínda moi ausente en moita xente do país, desde a base até persoeiros nos postos máis altos de responsabilidade.

Comentarios