Opinión

Consumouse a inxustiza

O que nos temiamos, pero que aínda agardabamos cunha lene esperanza que non fora efectivo, fíxose realidade este tráxico luns 14 de Outubro: dez dirixentes cataláns que foron parte das máximas autoridades no seu goberno, resultaron condenados polo tribunal supremo a penas de cárcere de máis de dez anos, sen posibilidade de indulto; cousa que corroborou de inmediato Pedro Sánchez. Por se tiña problemas de memoria, Pablo Iglesias lembroulle que “en España indultouse aos terroristas Barrionuevo e Vera, ao xefe do golpe de Estado do 23F Armada, e o Supremo chegou a pedir o indulto a Tejero”.

Eu lembrei de contado tres artigos que publicara en Sermos Galiza hai agora dous anos e o último algo despois, e dos que subliño todo o que escribín daquela. Ían de menos a máis nos mesmos títulos: “Golpe de estado contra a democracia e as liberdades en Catalunya” (22, setembro, 2017), “Non! Eu digo non! Digamos non!!” (03, Outubro, 2017) e “¡Se serán fillos de p…!” (25, Marzo, 2018).

No primeiro deles facía o duro cualificativo da intervención do estado español en Catalunya como “golpe de estado”, por ser unha requisa por medio das forzas policiais, dos medios económicos, sociais e administrativos do goberno catalán, detendo aos seus directivos. Pero o mesmo duro cualificativo facíao un xornal moderado coma o francés “Le Monde”. Eu concluía dicindo: “Queremos crer que o clamor popular de mozos e vellos, mulleres e homes de Catalunya e outras parted da Iberia atope un eco...”. Alma cándida!

O seguinte titulábao cos versos de Raimon, que cantabamos nos derradeiros anos do franquismo: “Vimos o medo ser lei por todas partes. Vimos o sangue ser a lei do mundo… Vimos calar a moitos homes cheos de razón… Non, eu digo non, digamos non. Nós non somos deste mundo”. Os sucesos daquel 1-O superaran todos os límites democráticos e da convivencia nun estado moderno desenvolvido: violencia física fronte a xente indefensa; mesmo a xente máis indefensa: vellas, vellos e nenos; o sangue dos primeiros vímolo nas estarrecedoras imaxes da tele...  “Non é a unidade de España a que está sendo atacada a porradas, é a democracia”, berraba outro xornal francés, “Liberation”, no seu editorial...

O último dos artigos, que me ocasionou algunha dura crítica, viña titulado coas verbas dunha vella “Pasión gitana”, na que o pobo bérralle unha e outra vez aos que condenaron a Xesús de Nazaret:“¡Si serán hijos de puta!/ ¿No es pa cagarse en todos sus muertos?”. Facíao con ocasión do vergoñento espectáculo que deu o xuíz Pablo Llerena e os seus “cinco magníficos” mandando ao cárcere aos pacíficos deputados cataláns, ao día seguinte da súa participación no debate de investidura. O xuíz do Tribunal Supremo xustificaba a súa decisión pola “rebelión” e “graves delitos” cometidos por eses trece líderes independentistas que “incorporaron voluntariamente el uso de la fuerza para la consecución de sus planes de secesión”, e que levaron ao “fanatismo violento a muchos de sus seguidores”, persistindo na súa “determinación criminal” (¡!).  Até Barreiro Rivas dicía desde “La Voz de Galicia”  que esas condenas “non son edificantes, nin axudan, nin son xustas”; non si o que dirá agora...

Resulta moi duro o xuízo de Oriol Junqueras –nunha carta que acabo de ler, difundida tras coñecer a sentencia que o condena “por sedición” a 13 anos de prisión – acusando ao Estado de “moverse por vinganza”; pero talmente semella iso. A desproporción entre o presunto delito destes homes e mulleres pacíficos e a condena xudicial resúltame mesmo cruel e inmoral. Cadro con Ada Colau e con Carme Forcadell en sendos twitter. A alcaldesa de Barcelona dicía que a sentencia é “a peor versión da xudicialización: a crueldade”; e a expresidenta do Parlament: “Consumouse a inxustiza”.

A Fundació Joan Maragall, un espazo de encontro e reflexión no que hai moitos cristiáns e coa que teño colaborado, manifestou tamén inmediatamente o seu desgusto pola condena, “lamentando profundamente que a xudicialización de iniciativas puramente políticas e pacíficas desembocara nunha situación moi negativa pera o nosos país”. “Non cremos que criminalizar e encarcerar a persoas que defenderon sen violencia as aspiracións dun pobo ... sexa unha maneira de construír un futuro aberto... a nosa sociedade”. Totalmente de acordo.

A pesar de todo, cunha esperanza inconmovible, Junqueras dicía noutro: “Volveremos máis fortes, más convencidos e firmes que nunca. Grazas a todos e persistide porque nós persistiremos sempre, sempre!”. E Raúl Romeva, condenado tamén a 12 anos de cárcere, subliñaba no seu twitter: “Ningunha sentenza cambiará as aspiracións políticas de millóns de cidadáns”, pedindo permanecer “en pe, combativos e dignos”.

E agora que? “É a hora da revolta popular”, berraron de inmediato desde as redes sociais os “Comités de Defensa da República”, facendo un chamamento á desobediencia civil. “É a hora de alzarnos contra o fascismo autoritario do Estado español es os seus cómplices”. As mobilizacións empezaron de contado en Barcelona e nas capitais cataláns. Oxalá que esas xustas protestas e reivindicacións non se deixen levar pola tentación da violencia; a protesta pacífica foi todo este tempo a “arma” máis poderosa do proceso independentista catalán, e agardamos que siga sendo así. O terrorismo violento deixou de ter unha razón de ser hai moitos anos; velaí o fracaso de ETA e outros movementos terroristas en Europa en por todo o mundo; as súas accións, como toda violencia, non deixa tras de si máis que morte e destrución, e o que é maís grave, vítimas inocentes.

Comentarios