Opinión

Carvalho, Rosalía e Prisciliano

Reunir nun título este trío de ases pode resultar sorprendente para o lector, que pode non atopar a relación entre eles, agás que son tres vultos na historia de Galiza.

Otero Pedrayo dixo que “Prisciliano é unha poderosa individualidade, a maior se cadra que Galiza xerou”; e Castelao dixo que “o seu sangue... aínda hoxe bule no fondo da alma galega”. Pero Rosalía non dixo ren de Prisciliano; aínda que seguramente sabía del polo que escribiu o seu home Manuel Murguía na Historia de Galicia, que o ve como ilustre galego e referente dunha relixiosidade celta e cristiá. Pero –como apunta Mª Pilar García Negro–, pode lerse a súa novela Ruínas como unha narración priscilianista. Aínda máis, podemos ver a Rosalía como quen “revive e resucita Prisciliano”; decapitado en 385, mil cincocentos anos despois morre Rosalía (1885), que “colle o facho que tan limpamente alumou a vida do mártir e disponse a emprender batalla activa contra os negadores de Galiza” (V. Pérez, Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación).

Carvalho Calero tampouco escribiu de Prisciliano, agás o pequeno traballo “Prisciliano e Cotarelo”. Pero ten feito unha lectura de Pola –a sacerdotisa de La vocación de Adrián Silva de Otero Pedrayo– como herdeira do priscilianismo, segundo me ten confesado Carme Fez. Pérez-Sanjulián.

A relación que quero establecer aquí entre os tres é a de Prisciliano e Rosalía como mitos necesarios na identidade galega, alén do seu valor histórico, literario e humano. Carvalho defende a importancia de “O mito Rosalía” nun traballo con ese título recollido en Estudos rosalianos. Defende o mito Rosalía fronte ao que chama “mito da desmitificación” dalgúns estudosos e vulgarizadores da poeta; e fala da necesidade dos mitos: “O pobo necesita exemplares que personifiquen un ideal humán, porque o ideal é a luz que alumea as súas tebras”. Rosalía é o gran símbolo e mito da Galiza contemporánea.

Nunha perspectiva semellante, xa teño defendido e xustificado a importancia e o valor do “mito Prisciliano” para Galiza e a cultura galega, e o dereito dos galegos a reclamar con toda naturalidade este e outros mitos propios na construción da súa identidade (Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario).

Comentarios