Opinión

Carvalho e Otero Pedrayo

Carvalho Calero e Otero Pedrayo tiveron unha grande amizade que transcendeu a súa existencia polos escritos de ambos e, particularmente pola intensa relación epistolar que mantiveron ao longo de máis de corenta anos, até pouco antes do pasamento de don Ramón “príncipe de Aquitania”, como o cualificara don Ricardo nun dos seus ensaios. Desde hai uns meses dispoñemos de 25 anos da súa correspondencia (1949-1974) no portal do Consello da Cultura Galega. Achegarémonos noutra ocasión a ese tesouro, que manifesta a grande amizade e mutuo respecto que había entrambos.

Hoxe quero traer aquí unha queixa de Carvalho verbo da miopía do galeguismo contemporáneo de dereitas e esquerdas a respecto de Otero Pedrayo e a súa visión de Galiza. Nun magnifico e longo artigo publicado por don Ricardo en Grial a pouco do cabodano da morte de don Ramón (“Otero Pedrayo. Unha visión de Galicia”, 56, 1977), Carvalho laiábase de que Otero “levaba moitos anos na reserva... reducido á función simbólica de tesoureiro honorario das esencias galegas”.

Para Carvalho Calero, Otero representa “unha concepción e un sentimento do que foi e debe ser” o destino da Galiza; máis aínda, “non hai versión de Galicia máis completa” que a súa. Pero, sen chegar ás verbas duras do himno –“... os féridos e duros non nos entenden”–, di que “os ignorante non pode entender” a Otero; e “tampouco os sectarios”, porque o seu humanismo é a negación do sectarismo. Non o entenden tanto pola carga cultural da súa escrita –“a cultura popular non pode dixerir un produto tan carregado de especias requintadas”, “a Otero non se lle pode ler como a Asterix”– como pola súa perspectiva aberta, dialogal e transcendente. Deste xeito, nos anos 70/80 “os escritos de Otero semellaron pouco belixerantes... no seu pangaleguismo conciliador”. Mesmo chegou a darse o caso de que “un escritor a quen toda a obra foi un servicio á súa terra, deixou de interesar aos que falaban constantemente de compromiso” con ela.

Aínda lembro as bágoas de emoción dunha amiga profesora de galego, ao escoitar a miña defensa apaixonada de don Ramon na presentación do meu libro sobre a xeración Nós en Viveiro no 1988. Pero, “non se pode facer unha Galicia de costas a Otero Pedrayo”, conclúe don Ricardo.

Comentarios