venres 14/08/20

BolsoNerón e o xenocidio no Brasil

Hai uns días Frei Betto –frade e teólogo brasileiro, referencia na intelectualidade honesta no Brasil– enviaba unha carta “aos amigos/as no estranxeiro” berrando: “En Brasil hai un xenocidio!”. Ao publicarse nunha web na que colaboro de hai anos, saltaron de contado as reaccións ultras nos comentarios: “Unha noticia moi falsa sobre o Brasil”, “Mentiras absolutas!”. Negaban tal xenocidio e relativizaban as cifras de mortos, duplicando as de España para dicir que aquí foi proporcionalmente máis grave.

Frei Betto falaba dos máis de dous millóns de contaxiados polo coronavirus, que medran exponencialmente cada día, e de preto de cen mil mortos –recoñecidos...–, cunha impresionante foto das fosas comúns.

Betto chegaba a dicir que “este xenocidio non é o resultado da indiferenza do goberno de Bolsonaro; é intencional”. Falaba da “obsesión pola morte deste presidente” que cando se lle preguntou se non lle importaban as vítimas da pandemia, dixo: “Todos morreremos algún día”. Por iso, repetiu desde o comezo que o importante non era salvar vidas, senón a economía (!). Foi por iso que, tras expulsar sucesivamente dous ministros de saúde por non adoptar a actitude negacionista do presidente, nomeou a fronte dese ministerio un xeneral do exército que retén a meirande parte dos recursos da saúde.

Estou co frade brasileiro que, segundo esta política, cómpre deixar morrer os vellos para aforrar recursos da Seguridade Social, os doentes para aforralos do Sistema de Saúde, os pobres para aforrar nos programas sociais etc. De feito, a comezos de xullo, Bolsonaro anulou partes da lei aprobada polo Senado que requiría que o Goberno proporcionara auga potable e materiais de hixiene e limpeza, camas de hospital, ventiladores e máquinas de oxixenación, distribución de canastras básicas con sementes e ferramentas agrícolas ás aldeas indíxenas, que están sendo especialmente afectadas; xa foron decimados e vense indefensos ante a pandemia.

Cómpre pararlle os pés a este BolsoNerón, ao seu colega colombiano Iván Duque e ao máis perigoso colega Donald Trump, uns miserables que arruínan os seus países e o mundo xunto con outros asasinos coma eles.

comentarios