Opinión

Unha boa nova verbo de Carvalho

Por fin, Galaxia decidiuse a reeditar a Historia da Literatura Galega Contemporánea, a obra máis referencial de Carvalho Calero, e a primeira pola que moitos lectores nos achegamos a el. A obra que acaba de ver a luz é o facsímile da 3ª edición publicada en 1981, a última editada até esta. A 1ª aparecera na mesma editorial no ano 1963 e a 2ª, ampliada, no 1975. É pena que, no canto de ser un facsímile, non se tivera aproveitado para facer unha nova edición con algunha corrección de erros do texto e algún pequeno engadido. Xa o teño feito verbo do capítulo dedicado á xeración “Nós”.

Hai dous anos vira a luz un volume cun capitulo importante da obra: El grupo Nós. Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas y Antonio Losada Diéguez (Madrid, 2018); a tradución, introdución e notas eran de Mª Pilar García Negro. Esta obra de Carvalho –como se recoñece na introdución– “eríxese como obra realmente inaugural, auroral, poseedora por primeira vez dunha metodoloxía moderna e actualizada”. A autora laiábase de que obra tan fundamental no volvera reeditarse en case corenta anos. O seu laio, e o que eu escribín a ese respecto en Sermos Galiza e noutras revistas, foi premonitorio e viuse acougado coa nova edición. Con esta e outras publicacións sobre don Ricardo fíxose algo de xustiza a tan grande figura das nosas Letras neste referencial 2020.

O longo capítulo de 53 páxinas que lle dedicou don Ricardo ao grupo “Nós” na súa Historia da Literatura é un fito fundamental para comprender esta xeración. O libro leva, asemade, a comprender a literatura galega desde comezos do século XIX até mediados do XX; sobre todo, os longos capítulos dedicados a Rosalía (85 pp.), Pondal (93) e Curros (60 pp.), referencia fundamental nos estudos rosalianos, pondalianos e de Curros. O capítulo sobre “Nós”, ten 19 apartados: a revista; personalidade e obra de Risco; vida, personalidade literaria e obra de Castelao; perfil biográfico, estilo e obra de Otero Pedrayo; Florentino Cuevillas e Antón Losada Diéguez.

Resulta magnifico a coincidencia do centenario da aparición da revista Nós (o 30 outubro) coa nova edición desta obra e o ano dedicado a Carvalho (no mesmo día fanse 110 anos do seu nacemento), que oxalá se prolongue en 2021.

Comentarios