Opinión

Os bispos e o goberno actual

A noticia é xa vella; de cando o acordo entre PSOE-Podemos para o novo goberno, e outros temas colleron o meu interese daquela nesta columna. Pero, un amigo co que me topei estes días no paseo, lembroumo de novo e pediume que escribira algo.

O titular podía ser “A Igrexa española e o goberno PSOE-Podemos”, pero sería inexacto. O problema non é da xente dos pobos de España que pertence á Igrexa, pois é un colectivo moi plural: os de dereitas que corean as consignas dos seus lideres do PP, Vox e Ciudadanos, outra xente democrática e mesmo de esquerdas, que tamén a hai.

O problema dun goberno de esquerdas –aínda que non o sexa moito...– é dos bispos, maiormente conservadores e mesmo ultras. Decontado manifestáronse “profundamente preocupados” por un executivo que podería cuestionar os seus privilexios fiscais (matriculacións de bens eclesiásticos, pago do IBI...) e educativos (concertos, situación da materia de Relixión...). O presidente da Conferencia Episcopal, Ricardo Blázquez, chamou a “rezar por España” ante a catástrofe que podería chegar; e outro bispo laiábase: “Xogamos con lume e agora podemos queimarnos”. O PSOE anunciou que habería que renegociar as relacións do Estado coa Igrexa; e tras da asemblea plenaria dos bispos, manifestaron que “dialogarían co Goberno desde o respecto á Constitución”.

É sabido que a xerarquía eclesiástica española non esta maioritariamente a prol das consignas de diálogo e de compromiso cos máis febles do papa actual, Francisco. Aínda que maiormente non se enfronte con el, agás a excepción de algún que chegou a consideralo un herexe que ía acabar coa Igrexa.

Cando escoitamos posturas como as que acabamos de ler, moitos católicos deste país pensamos que se hai que “rezar” por algún dirixente político, debería de ser en primeiro lugar polos fascistas e racistas de Vox –que din ser “católicos de Misa”, pero critican o “cidadán Bergoglio” por defender o dereito a un salario mínimo para os que non poden manter as súas familias–, ou polos falsarios e corruptos “católicos” do PP –que, entre outras cousas, aproveitaron a vinda doutro Papa anterior para roubar as arcas do Estado. Certo que, non sobraría rezar tamén polo resto dos políticos; pero, nestas cousas os rezos valen pouco...

Comentarios