Opinión

Un arcebispo artesán da paz

O pasado 8 de xullo, organizacións sociais, comunidades e defensores dos dereitos humanos en Colombia fixeron un comunicado en apoio do arcebispo de Cali Darío Monsalve. Este dixera uns días antes que o Goberno de Iván Duque está aplicando unha “vinganza xenocida” contra os Acordos de Paz de Colombia. A súa declaración provocou o pronunciamento da Nunciatura Apostólica e a Conferencia Episcopal colombiana, contra as afirmacións do bispo. Pero as organizacións que forman a Comisión Interétnica da Verdade do Pacífico (CIVP) e outras apoiaron a posición do arcebispo, e chamárono “artesán da paz”; pois as súas palabras “reflicten o sentir e o pensar das nosas comunidades na rexión do Pacífico e doutros lugares de Colombia”. 

O bispo Monsalve dixo palabras valentes: “Desde os comezos da campaña electoral, sentíase un espírito de vinganza contra o Goberno de Santos, que alumeou estes procesos de paz, contra o pobo que os acompañaba e, o máis grave, contra os mesmos ex combatentes das FARC… Unha vinganza xenocida para desmembrar a sociedade, as organizacións sociais e a democracia nos territorios onde tiñan ou teñen influencia”.

Desde a firma do Acordo de Paz en 2016 foron asasinados xa máis de 200 ex combatentes desarmados das FARC, 460 líderes sociais e outros 170 líderes indíxenas, como ten recollido o CINEP-PPP (Centro de Investigación e Educación Popular. Programa Pola Paz). Foi na presidencia de Iván Duque, sucesor da liña represiva de Álvaro Uribe, antigo presidente e fundador dos temibles grupos paramilitares. “O planteamento de ‘paz con legalidade’ é un discurso enganoso, xa que goberna a ilegalidade nos territorios da periferia, mesmo con máis forza”, di o CIVP.

Darío Monsalve –“o bispo rebelde que fala duro desde o púlpito”, como din os medios– é arcebispo de Cali desde hai dez anos. Eu coñecino en 2016, nunha misa na capela da Universidade Nacional na que participei con el nos cincuenta anos do asasinato de Camilo Torres. Foi o único bispo que fixo unha clara defensa deste cura carismático, que deixara a carreira eclesiástica para defender os dereitos do seu pobo desde a Igrexa, a política e a guerrilla. É un dos poucos bispos colombianos honestos e valentes, que defenden os dereitos da xente fronte a oligarquía.

Comentarios