Opinión

A aposta consciente co galego

Como saben os que me coñecen, son de orixe leonés; aínda que nado en terras do Camiño de Santiago, “coa fronte ergueita cara ás estrelas” –como dixo X. Chao no Prólogo do meu libro–. A lingua materna foi desde o meu berce o castelán; un español reivindicado pola miña familia monolingüe, aínda que viñemos á Galiza, ao rural galego, hai xa case 60 anos e fun de neno á escola na aldea, até o bacharelato e os estudos superiores. Porén, con clérigos como Chao, Queiruga, Miguélez e Regal, fun dos que máis escribiu para normalizar o galego na Igrexa; e cun grupo máis amplo de clérigos e leigos, estou entre os máis consecuentes nesta praxe. Todos somos defensores contumaces da lingua galega. Só hai unha diferenza: eles son galegos de ascendencia e foron “mamando” o galego desde a súa infancia, e eu... non.

A miña conversión en galegofalante/escribinte-militante foi no Seminario de Compostela; xusto onde outros clérigos aprenderon a desprezar o galego. Aprendín o galego cos meus amigos e compañeiros de estudos, e fíxenme galegofalante lendo Otero, Risco e sobre todo Castelao. A miña opción e a miña aposta non tiñan raíces estéticas, na beleza da lingua e da súa literatura, senón éticas e sociopolíticas: o galego era a lingua do pobo ao que quería servir; falar/escribir en castelán era una traizón. Se quería ser galego-consecuente non podía menos que ser galeguista/nazonalista.

Vén todo isto a conto por un artigo que publicaba Mª Pilar García Negro, amiga e colega nestas páxinas, no que dicía que "neofalantes somos todos, en sendo galego-falantes conscientes". Sentinme moi identificado coa súa opinión autorizada da "fronteira artificialmente estabelecida entre o galego mamado e o galego aprendido, con primacía para o primeiro". Sempre me sentín recoñecido en Galiza pola miña aposta, a pesar dos defectos do meu galego aprendido. Logo lin a resposta oposta de A. López Carreira no xornal, que tamén tiña as súas razóns, pero do que discrepo en varios aspectos que comentarei noutra ocasión.

Comentarios