Opinión

A aposta consciente co galego (2)

Agradezo os comentarios na web de Nós ao meu último artigo; pero algún deume que pensar. Joám Lopes Facal falaba dunha “santa contumácia!”, particularmente por non proceder “da louvada licenciatura por via de aleitamento infantil”. E un tal Xavier, consonte con Mª Pilar García Negro, dicía: “Todo Galego é aprendido. As pessoas neofalantes deixam de ser neofalantes quando as estruturas da Língua se enraízam de tal modo nelas que se naturalizam [...] após um período de adaptação ao Galego que nativiza essa pessoa”.

Deume que pensar o dun Manuel: “Xa dicía eu que este tal Victorino, cura e tan comprometido co galego, non podía ser galego”. Será que non é usual que os curas galegos –nados en Galiza– aposten conscientemente polo galego e ten que vir un de “fora” facelo? Se tal fose a interpretación correcta do comentario, daríame moita mágoa, pois, con ser desgraciadamente unha actitude bastante repetida, é unha postura suicida.

Pero quería dicir tamén algo verbo da resposta de López Carreira a García Negro. Remataba o meu artigo anterior dicindo que, aínda valorando as súas razóns, discrepaba de Anselmo. En primeiro lugar pola súa postura oposta á de Mª Pilar; comentei daquela que comparto e agradezo as verbas da recoñecida lingüista. Pero, tamén, porque a actitude rotunda de López Carreira contra o reintegracionismo –duramente criticada na meirande parte dos comentarios ao seu artigo– non me parece de recibo. Considéroa inxusta e contraproducente; máis aínda facéndoa no ano de Carvalho Calero, que tanto deu á cultura galega e tanto padeceu esa intransixencia. O seu non é un “experimento” alleo á nosa lingua, que “infecta o galego” coma “un virus devastador”, como di Anselmo. Lonxe diso, considero que os que coidan que a supervivencia do galego está necesariamente ligada ao portugués aman a lingua galega, polo menos tanto coma os que queren o galego coma unha lingua isolada. Todos estamos na mesma loita contra o imperialismo castelán e inglés. Gardemos as navalhas, como fixo o Manuel María.

Comentarios