Opinión

A estraña nova normalidade

Hai uns días millares de persoas percorrían as rúas até a praza de Colón en Madrid. As cifras non están claras xa que, dependendo da fonte que un consulte, estas conforman un total completamente distinto. O que si estaba claro dende un inicio era a expectación que esta manifestación xeraba na prensa, e non tanto polo acontecemento en si como pola posibilidade de que se repetise un feito que tivo lugar hai dous anos nestas mesmas circunstancias, a denominada “foto de Colón”. Nela os líderes políticos dos principais partidos do bloque de dereitas da política española do momento (Pablo Casado polo PP, Albert Rivera por Cs e Santiago Abascal por Vox) aparecían, xunto con outros compañeiros de ditas formacións, nunha mesma imaxe á fronte da protesta. 

Porén, estas expectativas dos medios non se cumpriron xa que cada un deles acudiu á cita pola súa banda e a historia non se repetiu, ou polo menos non o fixo dese modo, non por ese camiño. E é que mentres estes líderes e os seus compañeiros se dirixían á praza de Colón, facíano todos baixo un mesmo discurso promulgado, entre outros, pola peregrina política e líder da plataforma Unión 78, Rosa Díez. Premisas como “os españois de ben” todos “baixo a mesma bandeira” a loitar “pola liberdade, a igualdade e a unidade” fronte a un goberno “inepto, parasitario e autoritario” que “atenta contra a democracia” e “tenta romper España” resoaron na praza entre os aplausos dos asistentes. Un discurso que non nos colle por sorpresa, posto que xa non é a primeira vez que o escoitamos nalgunha das súas diferentes formas. En realidade, xa leva bastante tempo entre nós gañando máis forza e espazo na política e na sociedade co paso do tempo. Un logro que consegue, sobre todo, a través dos medios de comunicación que foron branqueando o seu discurso a base de disfrazar as súas premisas máis extremistas, e tamén a través das redes sociais onde os denominados bulos atopan un espazo onde chegar a un gran número de persoas sen un control que poña a súa veracidade en tea de xuízo.

Así, parece que a nova normalidade da que tanto escoitamos falar no último ano é a deste discurso cando se recordan as reiteradas afirmacións de “goberno ilexítimo” dende distintos espazos, ou mesmo o slogan de Isabel Díaz Ayuso nas últimas eleccións madrileñas “comunismo ou liberdade”. Ese “ou nós ou eles” conformado pola argumentación bélica que confronta a cidadanía e quebra o espazo para a discusión e o diálogo impoñendo ou “estás comigo ou contra min”. Esa idea dos bos e os malos que reescribe cada día o que acontece e pon de manifesto que as cousas non se fixeron tan ben como se nos quería facer crer e que aínda quedan temas por tratar de forma aberta e sincera dentro da política e da sociedade na que estamos a tentar vivir se non queremos que se repita a historia...

Comentarios