sábado 27/11/21

Unha crise máis, onde traballar?

Lembro que ao comezar os meus estudos universitarios tamén daba comezo a última gran crise económica. Ao saír da carreira continuaban os seus efectos. Naquel tempo pasamos de falar das persoas “mileuristas” como exemplo de precariedade no traballo a pensar que ter un soldo de mil euros é unha sorte case inalcanzábel. E por se fora pouco agora temos a crise da Covid-19. Non saímos dunha para meternos noutra.

Din que somos unha xeración que non quere ter fillos, que prefire vivir sen ataduras en pisos de alugueiro que nos permitan trasladarnos cando se nos antolle. Pero é difícil sinalar o que un quere cando non pode ter o que necesita. Un mira empresas como Navantia, no seu momento a punta de lanza que traía riqueza á súa comarca, Alcoa na mariña, ou mesmo a central térmica das Pontes... e un ve aí a realidade da miña xeración. Rapaces a protestar e pelexar con uñas e dentes por manter o último reduto de industria do noso pobo e con el a un soldo que lles permita subsistir. Porque non é necesario afondar moito na cuestión para encontrar exemplos similares doutras empresas de maior ou menor tamaño que están a desaparecer. Algunhas por non poderen competir neste mercado monopolizado polas multinacionais, outras na procura de lugares que lles permitan maximizar os seus beneficios. E mentres aquí non queda nada.

Navantia di que está a “reestruturar” e “buscar solucións” á súa situación mentres os sindicatos advirten da realidade que enmascaran estas palabra “están poñendo fecha de caducidade á empresa”. Os traballadores de Alcoa ven como os gobernos abandonan a súa causa e sentencia a morte as súas esperanzas. Con menos barullo, a central térmica das Pontes tiña xa fecha de caducidade, este decembro, pero parece que a amplía uns meses máis até marzo do ano que vén... un pequeno respiro para a cidadanía que vive ao redor da súa produción, mais un respiro que pouco dura.

Fóra do sector privado as cousas tampouco axudan. É certo que nos últimos meses foron creadas novas prazas para a ensinanza e a medicina que reavivan un pouco o sector público, pero estas non compensan nin por asomo aquelas que desapareceron durante o período de recortes que se produciu durante a crise. E mentres o talento escapa das nosas fronteiras. Rapazas e rapaces que estudaron nas nosas universidades teñen que buscarse a vida no estranxeiro mentres nos dicimos adeus ao seu futuro e ao investimento que se realizou para con eles. Algo que resulta desesperante e vergoñento ao pensar que unha galega ou un galego poida descubrir a cura da Covid-19 e se lle atribúa o mérito a outro país que o recolleu na súa procura dunha vida digna.  

Con todo, un non pode facer outra cousa que preguntarse: a onde imos ir todos os da miña xeración? Porque o que temos claro é que aquí pouco ou nada nos vai quedar e as nosas esperanzas comezan a esgotarse... do turismo non podemos vivir para sempre.

Unha crise máis, onde traballar?
comentarios