Opinión

Camareiros e camareiras

Pouco antes de que se iniciara o verán comezaron a percorrer a redes sociais novas de distintos medios arredor das dificultades no sector da hostalería para atopar persoal. Unha cousa a que non escapaba, nin escapa, ningunha zona, como pode ser na que vivo eu. Até cinco locais tentaron contratarme ao longo do mes de maio na miña vila, e iso que somos un lugar relativamente pequeno e de pouco movemento turístico. O caso é que en todas as entrevistas que me fixeron escoitei sempre a mesma frase “a xente non quere traballar” e a verdade é que me chamou a moito atención polo seu simplismo á hora de explicar a situación e, sobre todo, por como sinala culpables cando estes non se poden defender...

Eu sempre que traballei como camareiro fíxeno cun contrato dalgún xeito falseado. A maioría das veces a media xornada, cando mínimo pasabas doce horas detrás da barra (porque as bromas, incluso as da tele, sempre teñen algo de realidade). Recordo un día en concreto a finais dun verán. Estaba nun local que empezara facía pouco con nova xerencia e tiñan unha cea moi importante de máis de cen comensais. A min tocábame abrir pola mañá, a iso das oito e, supostamente, saír ás catro (cousa que nunca facía). Nesa data marchei para a casa ás seis e aínda que non tería que volver até as oito do día seguinte, con motivo desa cea, fíxeno ás oito desa mesma tarde para preparalo todo. A noite estenderíase até as seis da mañá e ao día seguinte volvín abrir o local ás nove (deixáronme descansar unha hora máis). Unha semana despois deixaría o traballo posto que non me querían pagar nada por todas esas horas alí metido e aínda tiñan máis que dicir.

Non foi a miña peor experiencia detrás dunha barra, por incrible que pareza. Noutro local no que estivera anteriormente o caos era a orde natural das cousas. A xerencia deixaba os clientes facer absolutamente o que quixesen, ao modo de pais irresponsables que malcrían os seus fillos ríndolle as falcatruadas. Como non podía ser doutra maneira xuntar “adultos maleducados” e alcol todo nun non creaba un ambiente de traballo precisamente agradable. Cada medio día entraban alí traballadores a comer, xente a folgar e demais seareiros da atrocidade para ver o espectáculo. Só había unha norma naquel bar restaurante: daba igual a hora, daba igual o traballo que tiveses, incluso daba igual que non houbese nada comestible que dar que sempre tiñas que poñer tapa con cada consumición. Unha das miñas compañeiras estaba falta de mans e pernas para poder atender as demandas que xurdían dende a barra (ademais das diversas proposicións, sempre orixinais, que debía soportar de parte da parroquia) polo que esqueceu levar unha tapa a un deses amables cabaleiros. O caso é que este comezou a lanzar berros ante aquela inxustiza que lle tocara en sorte. Entón, apareceu a xerente, que por outra banda era das seareiras máis acérrimas a barbarie que alí acontecía, e decidiu sumarse ao bando daquel pobre home. Comezou a insultar a miña compañeira diante de todos os clientes mentres estes encirraban e aclamaban aquelas loas... a rapaza acabou chorando. Creo que ese foi un dos momentos nos que me sentín máis impotente e máis como unha m*** na miña vida (con perdón da expresión). Notifiquei a miña renuncia de forma inmediata.

E como esas, moitas, a verdade. Pódovos falar da vez que un cliente lle tocou o cu a unha compañeira e esta recibiu unha reprimenda por parte da xerencia por non “aceptar o cumprido” (palabras textuais coas que se expresaron os devanditos). A vez que un compañeiro foi firmar o contrato e descubriu que as horas non se correspondían coas tratadas previamente e aínda tivo máis que oír. Das constantes sabotaxes por parte dalgún integrante da xerencia até facerche a vida imposible... poderíamos pasar días así, mais penso que chegados a este punto xa vos podedes formar unha idea xeral do estado da cuestión. Non, a xente non é que non queira traballar, o que pasa é que xa está cansa de todas estas cousas, tanto de vivilas como de escoitalas doutras persoas, e todas elas fan que sexa moi difícil confiar nunha xerencia para comezar a traballar baixo as súas ordes. Por sorte, aínda quedan algunhas honestas, pero hai que atopalas e iso está moi complicado. 

Comentarios