Opinión

'Os nenos da polio': asignatura pendente

O 24 de outubro, celébrase o Día Internacional da Loita contra a Poliomielite. Falar da polio ou poliomielite no Estado Español, teríamos que ir aos anos 1956 a 1963 cando máis de 40.000 persoas contraeron esta terrible enfermidade e mais de 2.000 persoas morreron, o resto tiveron grandes secuelas para o resto das súas vidas. Todas estas vítimas, poderían terse evitado porque xa había unha vacina eficaz contra a poliomielite, pero as autoridades franquistas non fixeron campaña de vacinación masiva e gratuíta contra a polio, tan só as persoas mais pretas ao réxime franquista, puideron vacinarse ou con mais recursos económicos.

Foi o 11 de febreiro de 2014, cando a televisión de Catalunya TV3 emite o documental Pòlio crònica d’una negligència de Montse Armengou e Ricard Belis dentro do seu espazo “Sense ficciò”, e hoxe en día este documental tamén o podemos ollar na súa versión en castelán cos subtítulos tamén en castelán.

Hoxe en día, e está demostrado que no Estado Español houbo unha epidemia de poliomielite e o que é mais grave, que o goberno franquista daquel tempo a silenciou, onde nos reportaxes do NODO cando daban a nova sobre casos de polio, puñan a expresión “los niños enfermitos” (o que ocultaban o caso). A realidade é que os que tivemos esta enfermidade, pois negáronnos de ter unha infancia feliz, dado que estábamos sempre en hospitais ou facer operacións cirúrxicas que nalgúns casos eran “experimentar cos doentes”.

Na Galiza tamén houbo casos de polio, pero o Sergas tivo a idea de destruír todos os historiais médicos que había sobre a enfermidade, cando deberían dixitalizalos para que os especialistas de agora (traumatólogos ou neurólogos) tiveran un coñecemento do que se fixo co doente, porque neses historiais estaban as intervencións cirúrxicas que se fixeron cos seus informes médicos e tratamentos de fisioterapia feitos no seu día.

Coa aparición da chamada Síndrome Post-Polio, (SPP) pois isto se complica cada vez mais, dado que aínda non se descubriu as causas de esta “doenza nova” que é como se volvera a rebrotar a enfermidade de novo, onde aínda non existen os antídotos suficientes para atopar a solución a este problema, onde hai médicos hoxe en día, descoñecen este problema.

É necesario que as forzas políticas saídas das vindeiras eleccións do 10 de Novembro, tomen cartas neste asunto, dado que a “democracia española” ten unha débeda cos afectados de poliomielite e aínda non solucionaron os problemas.

É necesario que o vindeiro goberno, faga as seguintes reformas:

1º Modificación do R.D. 1851/2009 no que respecta ao grado de discapacidade do artigo 1º, que sexa como mínimo 33% en vez de un 45% como está agora para acceder a xubilación anticipada. (B.O.E. 22-12-2009 nº 307).

2º Fixar Centros de Referencia para o tratamento da Síndrome Post Polio e as secuelas de polio dentro do territorio español.

3º Eliminación do co pago das axudas técnicas para os afectados de polio ou as súas secuelas.

4º Aumentar as Unidades de Rehabilitación para os afectados de polio e as súas secuelas.

5º Aumentar en I+D as partidas no apartado de Síndrome Post-Polio (SPP), e os seus derivados.

Comentarios