Opinión

Votar diferente

Esta fin de semana uns oitenta mil cataláns estamos chamados a votar nas eleccións á Asemblea de Representantes, o parlamento do Consell  per a República.

A experiencia é  evidentemente limitada no número de participantes pero, a pesar diso, ten un gran valor en tanto que configura unha forma de ser e actuar republicana, da república catalá, radicalmente contraria á española. Por primeira vez estamos a votar diferente.

Así, o voto é electrónico. Non existen listas de partidos. Vótanse representantes sobre unha base territorial. Durante tres días. Vótase desde calquera parte do mundo por igual. Vótanse deputados que representan todos os Países Cataláns e non só Catalunya. Vótase nunha dobre urna -candidatos independentes por unha banda e cargos electos institucionais por outro. Os escanos dos independentes dobran os dos cargos -81 independentes e 40 cargos electos. E o regulamento esixe unha maioría de mulleres, de maneira que a votación corríxese en todas as circunscricións se é necesario para conseguir este obxectivo.

A lamentábel obsesión partidista fixo que chegar aquí fose moi difícil e que o resultado que se coñecerá domingo non represente o conxunto do movemento. Pero, en calquera caso, o domingo nacerá unha institución incontrolábel. Incontrolábel polo Estado español pero tamén polos partidos independentistas, que poden tentar controlar o bloque do electos pero que non  poderán controlar nin dirixir a maioría dos deputados independentes e vinculados ao territorio.

Todas estas novidades tivémolas que  interiorizar cada un de nós. Eu, por exemplo, pasei horas pensado a quen tiña que votar -na miña circunscrición presentábanse 19 candidatos  independentes para catro escanos. E só vos podo dicir, Martxelo e María, que foi moi interesante votar por primeira vez non como un español.

Comentarios