Opinión

Un DNI republicano

O Consell per la República puxo en marcha esta semana a súa Identidade Dixital Republicana. Trátase dunha especie de DNI, que pode ser dixital ou físico, que acredita que unha persoa forma parte do censo nacional catalán, creado por esta institución.

A idea non é orixinal pero é rompedora. Aínda conservo pola casa un vello DNI nacional estoniano, unha iniciativa creada en 1989, cando Estonia formaba parte da URSS, polo Comité Cidadán -o nome era así de pouco orixinal. Centos de miles de persoas fixérono á man e un a un, e aquel papel converteuse nunha das bases do movemento pola independencia.

A tese dos estonianos, entón, e dos cataláns, agora, é a mesma: autoorganizarnos como nación. O Consell per la República xa ten case cen mil persoas rexistradas na súa cidadanía republicana, que é evidente que non é nin de lonxe suficiente para a ambición que ten o proxecto. Pero se medra, e esta semana fíxoo a raíz da presentación desta identidade, é evidente que exporá un reto moi interesante en moitos campos. Comezando por un que é básico: quen é catalán? Es catalán porque vives na comunidade autónoma española de Catalunya ou es catalán porque o queres ser, vivas nos Païses Catalans ou onde sexa. Supoño que este é un debate que se podería expor tamén nos vosos países, Martxelo e María: quen é vasco? Quen é galega?

No caso catalán, ademais, a identidade nacional dixital vai moi ligada á innovación tecnolóxica, á idea de que mentres se avanza no proceso de independencia está a construírse xa unha república dixital que queda completamente á marxe de España e Francia. Tamén institucionalmente. Antes do verán o Consell ten que convocar eleccións ao seu parlamento, a Assemblea de Representants, que se realizarán nun formato completamente telemático mais tamén diferente no fondo: escollerán121 membros, dos cales 40 políticos en activo e o resto cidadáns que comparecerán individualmente representando as súas poboacións ou comarcas.

Comentarios