Opinión

Ucraína agredida

A agresión rusa contra Ucraína cambia, queridos Martxelo e María, o noso mundo. E moi especialmente, a nosa Europa. Despois da caída do muro de Berlín en 1989 todos entramos nunha era en que parecía que a pantasma da guerra de bloques e da guerra nuclear empezaba a quedar moi lonxe. Pero de súpeto a situación deu un xiro e volvémonos a ver involucrados nun conflito que ninguén sabe como acabará. Nada volverá ser igual.

Vladimir Putin actuou con rapidez e determinación. E aínda que non sabemos aínda cal é o final da súa campaña si que parece fóra de toda dúbida que ou ben pretende estabelecer un goberno monicreque en Kiev ou quere directamente borrar Ucraína do mapa. Parece  imposíbel, pero no longo discurso que realizou xusto antes de lanzar as hostilidades chegou a negar a existencia mesma da nación ucraína. 

Putin actuou con rapidez e determinación, ben para estabelecer un goberno monicreque en Kiev ben para borrar Ucraína do mapa

Desde países como os nosos, defensores da autodeterminación dos pobos, esta é unha crise complexa. As repúblicas autoproclamadas de Donetsk e Luhansk acóllense ao dereito á autodeterminación pero podemos preguntarnos se iso non é simplemente unha estrataxema. Porque en realidade non existe un "pobo de Donetsk e Luhansk" que se quere  autodeterminar. Máis ben é Rusia que quere modificar ao seu favor a fronteira ou impor o seu poder a un pobo veciño, independente desde hai pouco máis de trinta anos.

A decisión de Putin, por esta razón, ten pouco que ver coa autodeterminación e moito co imperialismo. Co vello imperialismo ruso que está a repetir un movemento de ocupación das terras da Europa central e oriental que xa coñecemos de ocasións anteriores. Cun agravante de moito peso. A actuación rusa implica a crenza de que existen potencias maiores que, porque o son e porque teñen armas nucleares, teñen un dereito especial a impor as súas políticas ás outras nacións. E isto é algo que nacións pequenas como as nosas simplemente non podemos aceptar de ningunha maneira.

Comentarios