Opinión

Trumpismo

Vin, María e Martxelo, que Berria e Nós Diario realizaron esta semana un esforzo importante para explicar aos lectores o surrealista proceso electoral americano, que non está resolvido aínda do todo cando escribimos estas crónicas. Todos os xornais do mundo o fixemos. Creo que por dúas razóns.

A primeira é porque o espectáculo é único. Para a xente interesada na política vivir a noite electoral americana é fascinante. A complexidade de sistema político americano pero sobre todo a forma en que é explicado polos medios teñen ese selo de película de Hollywood que só os ianquis saben imprimir calquera cousa que tocan. E o suspense final que estamos a vivir así o certifica.

No seu tempo Reagan, con Thatcher no Reino Unido, marcou a entrada no capitalismo financeiro

A segunda razón é de máis peso. As eleccións americanas non son as máis grandes do planeta, ese récord teno a India, pero son as máis importantes. Pola influencia política dos Estados Unidos pero tamén porque marcan tendencias. No seu tempo Reagan, con Thatcher no Reino Unido, marcou a entrada no capitalismo financeiro, a desarticulación económica e a presión extrema sobre a Unión Soviética, con aquel farol da guerra das galaxias, que efectivamente acabou por derrubar o superpoder rival.

E agora o trumpismo, a palabra non me gusta pero entendémonos, está a marcar un novo modelo tamén, autoritario pero cun gran apoio popular, que teñen ecos xa en Europa.
Neste sentido e á espera de como acabará a cousa, despois de pasar polos tribunais, algo si que quedou completamente claro e é o desprezo do presidente ás regras. Ás regras máis elementais da democracia, como é o reconto dos votos e que todos os votos contan. E o tema é grave.

É grave porque unha democracia non pode existir se os partidos non aceptan o xogo poder / oposición e non admiten que o outro pode, lexitimamente, gañar. Que é en definitiva o gran tema que sobrevoa estas noites de insomnio que vivimos.

Comentarios