Opinión

Tremenda semana

En semanas como esta que acabamos de pasar, querida María, querido Martxelo, teriádesme que dar, como mínimo, o dobre de espazo para escribir. Porque isto foi de infarto. Na segunda e na terza feira o suplicatorio no parlamento europeo do presidente Puigdemont, Toni Comin e Clara Ponsatí. Na cuarta, aínda que non o sabía ninguén Meritxell Serret durmindo en Euskadi camiño do Supremo español. Na quinta o seu retorno do exilio coa emocionante recepción no seu pobo. E a noticia de que Laura Borràs sería a nova presidenta do Parlament de Catalunya. E na sexta feira a constitución do parlamento. Por onde comezo?

Seguramente, xa que non me daredes máis páxina, o mellor será tentar enlazar os tres feitos, pois están máis ligados do que parece. O resultado aritmético do suplicatorio dos tres eurodeputados de Junts foi unha vitoria de España, mais pírrica. Un 42% de votos en contra da demanda española é unha barbaridade e a constatación que o Estado está cada día máis acurralado en Europa. 

Así que é posíbel que isto influíse no sorprendente xesto do Supremo cara á consellera Serret, a través dun pacto urdido por Iñigo Iruin. 

Parece que volvemos á casa de saída, cando o independentismo quebrou entre os que decidiron entrar en prisión e os que decidiron ir a Bruxelas

Pacto que ten tamén connotacións políticas importantes e profunda a separación entre o independentismo reformista e o rupturista. Separación que dá un especial relevo á presidencia de Laura Borràs. No canto de ser vicepresidenta, Borràs preferiu elevar o ton do debate político, tendo en conta que o Estado irá a por ela desde o minuto un e que podería acabar en prisión. Como xa o está a presidenta Forcadell. Movendo o taboleiro exactamente cara ao outro lado.

O feito de que a presidencia de Borràs non se puido fechar a través dun pacto de lexislatura e de obxectivos entre os tres partidos independentistas non é unha boa noticia pero enténdese no marco dos outros dous feitos. E é que ao final parece que volvemos á casa de saída, cando o independentismo se quebrou entre os que decidiron entrar en prisión e os que decidiron ir a Bruxelas a denunciar o que é España.

Comentarios