Opinión

Sentenza histórica para os pobos de Europa

A sentenza ditada a pasada terza feira polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea no caso do conseller no exilio Lluís Puig é unha sentenza histórica. Éo evidentemente para o proceso de independencia de Catalunya pero tamén o é para todos os pobos sen estado de Europa.

Nun inesperado xiro de guión, o tribunal introduciu un matiz dunha enorme importancia. Até o de agora a doutrina oficial era que unha orde de extradición podía ser denegada por un Estado aducindo razóns políticas -de perigo evidente para a persoa se é enviada- só no caso que se constatase un deficiencia sistémica do sistema xudicial do país emisor da euroorde. A fórmula atendía á situación de Hungría, Polonia e Romanía.

Agora en cambio entra en xogo un concepto novo. O tribunal declarou que unha euroorde pode ser rexeitada tamén se aínda sendo unha democracia o país emisor, sen un fallo sistémico do poder xudicial, constatase que existe un risco centrado "nun grupo obxectivamente identificábel de persoas".

Que pode ser unha minoría relixiosa, sexual ou, como é o caso que nos ocupa, nacional. O precedente e a xurisprudencia que comporta a decisión é moi importante porque por primeira vez a xustiza europea admite -e mira que nós o sabemos, Martxelo e María- que nunha democracia europea pode existir un grupo minoritario que se ve obrigado a vivir con regras diferentes, non democráticas, ás da maioría. E di que hai que protexelos da discriminación que sofren. E iso é importante no meu país pero tamén o é para vascos, galegos, corsos, bretóns, flamencos, tiroleses ou alsacianos, por dicir só uns poucos.

O exilio catalán tardou cinco anos en chegar, a través dun litixio xudicial estratéxico, a este punto histórico. Agora hai que empurrar entre todos para que o respecto ás nosas nacións en situación de minorización nacional sexa total e absoluto. Cousa que implica que se debe acabar calquera discriminación, e que as que existen teñen xa un camiño aberto na máxima institución xudicial europea.

Comentarios