Opinión

Semana moi movida

Vivimos, Martxelo e María, unha semana moi movida, tanto en Catalunya como a nivel do Estado. Aquí a decisión da Xunta Electoral Central de expulsar do seu escano ao deputado da CUP Pau Juvillà foi recibida con indignación pero tamén coa triste división partidista que xa é tan habitual. Escribo este texto cando o tema aínda non se solucionou do todo pero temo que acabará mal, co Parlament aceptando, ao final, outra intromisión grave.

E digo grave porqué a gravidade do caso Juvillà é moita. Juvillà foi condenado por desobediencia por manter un lazo amarelo no seu despacho do concello de Lleida durante a campaña electoral. Acúsaselle de usar as institucións con fins partidistas, pero a acusación non explica dúas cousas importantes. Primeiro, o lazo amarelo de que partido é. Porque se é de diversos partidos, como o é, non parece lóxica a acusación de partidismo. E en segundo lugar, e isto xa é case cómico, que sentido ten acusar de partidismo en campaña electoral a un partido que precisamente non se presentaba a aquelas eleccións!

E mentres tanto, en Madrid, o PSOE e Podemos aliáronse co PDeCAT, con Ciudadanos e coa UPN para aprobar o retoque da reforma laboral do PP, deixando fóra Esquerra e Bildu, que até o de agora  querían parecer os socios de referencia dos socialistas, pero tamén o PNV, o BNG, Junts e a CUP. 

Nesta columna que compartimos falamos en anteriores ocasións do relevo que Esquerra e Bildu estaban a facer en Madrid das posicións tradicionais de CiU e EAJ-PNV. Por exemplo, con ocasión daquel famoso acordo asinado por Bildu e o PSOE no cal se comprometían a derrogar a reforma laboral. Pero eu sempre expresei que no PSOE son uns trileiros e uns gánsteres dos cales mellor non fiarse. E a proba esta aquí. Agora resulta que Bildu vota co PNV contra o PSOE. E visto desde a perspectiva navarra a cousa é estratosférica: cambiar Bildu por Del Burgo-Aizpun -e que se me entenda a broma por favor...-.

Comentarios