Opinión

Represión

Esta semana, queridos colegas, estivo moi marcada pola represión. Non só no noso país. Vimos o retorno das detencións aparatosas a mans da Garda Civil en Euskalherria. E, como na Galiza, achégase o xuízo da chamada Operación Jaro contra militantes de movementos independentistas.

No noso caso, con todo, pasou unha cousa única que nos obriga a reflexionar. A xuíz do penal número 25 de Barcelona absolveu de todos os cargos a Tamara Carrasco. Non sei se o nome lle soará aos lectores vascos e galegos pero seguro que si os feitos. Días despois de que a xustiza alemá negase a extradición do presidente Puigdemont, unha grande operación policial, desproporcionada, detivo unha muller en Viladecans, Tamara, acusada de ser líder dos CDR e, por iso, de cargos de terrorismo, rebelión e sedición. A operación estaba ordenada pola Audiencia Nacional española, ese buraco negro que tan ben coñecemos nos nosos países.

Iso foi en abril de 2018. En novembro do mesmo ano até a Audiencia Nacional se decatou de que non tiña nada entre mans e rebaixou os cargos a un delito de desordenes públicos. Tamara Carrasco para entón estaba en liberdade pero confinada na súa cidade, da cal non se podía mover. Cousa que non puido facer até finais de maio, cando xa levaba un ano nestas estrañas condicións.

Finalmente, hai unhas semana tivo lugar o xuízo, que provocou auténtica indignación. Por exemplo, a Garda Civil non foi capaz de aclarar de onde sacara unha mensaxe de Whatsapp, que era a principal proba da imputación. A xuíz, na súa decisión final foi moi dura con este corpo, recriminando o que fixeran e rexeitou todas as acusacións contra Tamara Carrasco, que quedou completamente exonerada.

Pero quen pagará polos problemas enormes que sufriu estes anos? E non só xudiciais. Os medios españois presentárona unha e outra vez como unha terrorista líder dos CDR. E agora que?

Comentarios