Opinión

Render a lingua

A bomba estalou nunha semana especialmente convulsa. Na segunda feira o Parlament aprobou a tramitación dos orzamentos no medio dun espectacular rifirrafe entre os socios de goberno. A CUP opuxérase aos mesmos, cousa que non deixa de chamar a atención porque hai apenas medio ano pactou con ERC que lle deixaría dous anos de marxe para intentar facer as súas políticas. E isto provocou que ERC procurara a abstención dos Comuns, cousa que Junts non aprobaba. Ao final o acordo foi que Comuns mercaba un orzamento elaborado por Junts, con Junts enfadado e a cambio de que Esquera vote o orzamento municipal de Ada Colau, que xa tiñan anunciado que non ían aprobar. Un moi bo colega noso italiano, Francesco Olivo, dixo hai uns anos que a política catalá é acrobática. Pois aquí, Martxelo e María, unha proba máis. 

Ao inicio do proceso introduciron a idea de que o castelán era un idioma tan natural en Catalunya como o catalán, en parte nunha competición imbécil por acadar algúns votos

E neste ambiente, horas despois, estalou a bomba da decisión xudicial do Tribunal Supremo español que significa a fin para o sistema de inmersión lingüística que na teoría se aplicaba en Catalunya -non no País Valenciá nin nas Illas. A verdade é que xa hai tempo que hai moitas críticas porque en moitas escolas a presencia real do español é maioritaria contra o que di a lei. Pero durante anos a administración fixo a vista cega á realidade e deixou facer. Por que? Un erro gravísimo dos partidos independentistas nos últimos anos foi desprezar o papel esencial para a configuración do país da lingua, do catalán. Ao inicio do proceso introduciron a idea de que o castelán era un idioma tan natural en Catalunya como o catalán, en parte nunha competición imbécil por acadar algúns votos, en parte por indixencia intelectual. E o caso é que o que decorreu, en paralelo ao proceso político da independencia, foi unha auténtica rendición lingüística que agora, cando chegou a mazada, parece ter asumido a sociedade nunha incapacidade de reaccionar que é francamente perigosa. 

Comentarios