Opinión

Que ensina o 'Catalán Gate'

 

O 'Catalán Gate', a espionaxe masiva a todo o independentismo catalán co 'Pegasus' ensínanos unhas cantas cousas. Que España gastase esta fortuna en espiar o movemento independentista catalán durante tantos anos, de maneira tan continuada e facendo caso omiso de todas as normas legais e democráticas non é de ningunha maneira unha anécdota.

Como pasou antes con Euskadi e dalgunha maneira xa lle está a pasar á Galiza, o 'Catalán Gate' só é a continuación por outros medios dunha lóxica de inimigo que o estado, ese estado que teoricamente sería de todos, non pode disimular. Os Países Cataláns, Euskal Herria, a Galiza, as Canarias e calquera outro espazo que non sexa uniformemente español é sempre sospeitoso para o nacionalismo español, fonte e corazón do réxime e do estado. Eh! Fagamos o que fagamos e goberne quen goberne.

Nunha democracia non se pode considerar inimigo a todo un pobo nin aplicarlle de maneira tan indiscriminada a represión

Porque 'Pegasus' utilizouno Mariano Raxoi e utilizouno Pedro Sánchez. Usouse cando Catalunya camiñaba decidida á independencia pero tamén se usou cando a clase política catalá se separou da rúa e se rendeu á represión. E usouse vulnerando a legalidade catalá, española e europea co goberno do PP e co do PSOE e Podemos.

Este caso, con todo, parece que se lles escapou das mans. É demasiado. Que Citizen Lab o defina como o máis grande caso de espionaxe e asalto contra dirixentes políticos na historia e que un premio Pulitzer o documente de maneira irrebatíbel desde as páxinas de The New Yorker vai máis aló do que en Madrid están afeitos. O parlamento europeo viuse tan ameazado que a quinta feira solicitou unha revisión de todos os móbiles dos eurodeputados. E a investigación xudicial que se abrirá en diversos estados da Unión porá España nunha tesitura moi difícil.

Porque aínda que eles non o entendan de ningunha maneira, nunha democracia non se pode considerar inimigo a todo un pobo nin aplicarlle de maneira tan indiscriminada a represión.

Comentarios