Opinión

Pinza

Xa sabedes, María e Martxelo. Os deputados do PSOE e de Podemos votaron "cunha pinza no nariz" os candidatos do PP para formar parte do Tribunal Constitucional. Algúns desmarcáronse, seguramente porque o cheiro era moito máis que excesivo e non o podían aguantar pero a gran maioría, obedientes, deron o seu voto afirmativo a dous personaxes que non podían ser peores. Os deputados e os medios españois puxeron o acento na incomodidade da esquerda española respecto ao nomeamento de Enrique Arnaldo. Pero para as e os cataláns Concepción Espejel case que é peor. 

Arnaldo é un escuro personaxe, moi escuro, implicado en casos de corrupción, especialmente no caso Palma Arena. E que se demostrou que saltou o estatuto das mesmas Cortes españolas que lle votaron cando compatibilizou o seu traballo como asesor xurídico de diversas comisións cunha asesoría desde un despacho privado, asesorando nin máis nin menos que o president Jaume Matas. Con estes antecedentes non parece que cumpra co deber de exemplaridade que se supón que debería ter un membro do máis alto tribunal español.

Pero agora poderá dicir no seu descargo que non debía ser tanto porque o votaron o PSOE e Podemos –miña nai!

Todas as forzas nacionalistas dos nosos países opuxéronse aos nomeamentos 

Concepción Espejel, pola súa banda, era a man do PP na Audiencia Nacional española ou sempre ascendeu na carreira xudicial da man de decisións políticas. Á Audiencia de Guadalaxara chegou recomendada por Aznar en persoa. O PP situouna tamén como vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial para controlar os casos de corrupción que afectaban ao partido. E de aí saltou á Audiencia Nacional, onde entre outros casos soados xulgou os mozos de Altsasu ou Pablo Hasel. Ela tamén foi a presidenta do tribunal que xulgou o Maior dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluís Trapero, e redacto un ridículo voto particular de 461 páxinas favorábel a condenalo por sedición. Cando a sentenza de 96 páxinas o absolvía.

Todas as forzas nacionalistas e independentistas dos nosos tres países, do BNG a Compromís, opuxéronse aos nomeamentos e á docilidade con que o PSOE e Podemos aceptaron o trágaa do PP. Pero o caso é que os mozos do réxime votaron que si. E aínda que puxeron a pinza no nariz aí temos a estes dous paxaros sentados finalmente no Constitucional. Toda unha lección.

Comentarios