Opinión

'Pegasus' afoga o diálogo

A crise aberta polo uso de 'Pegasus' para espiar a clase política catalá faise cada día que pasa máis profunda. Tanto que o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, xa proclamou en público que así non se pode seguir e practicamente xa non queda ninguén que lle vexa futuro á estratexia, central até o de agora por parte do goberno catalán, de insistir na negociación para resolver o conflito político.

A gravidade dos feitos só é comparábel á gravidade do comportamento dos políticos españois. Dous exemplos. A cuarta feira houbo un debate extenso sobre 'Pegasus' e o 'Catalán Gate' no Parlamento europeo e os representantes da maioría dos partidos españois dedicáronse a xustificar a espionaxe, nun contrato clarísimo coa indignación xeneralizada que mostraron o resto de parlamentarios. E o segundo. A quinta feira reuniuse a comisión de segredos oficiais do congreso español e, polo que transcendeu, o CNI recoñeceu estar espiando con 'Pegasus', baixo supervisión xudicial, a contorna do presidente Puigdemont -polo que parece ao seu teléfono non puideron acceder- e ao presidente Aragonès. É evidente que se fai moi difícil dialogar con quen te está espiando. E fíxose cachizas a tese, sostida estes anos por unha banda do independentismo, no sentido de que negociar era un imperativo aínda que o estado non o quixese facer porque Europa non entendería outra cousa. Europa, e calquera, entende á perfección que non podes negociar con quen te espía antes, despois e durante a negociación.

O tema é extremadamente grave, pois, e terá consecuencias moi importantes tanto para a relación entre Catalunya e España como para a situación política dentro da mesma España. Pedro Sánchez debería reaccionar de forma decidida ordenando investigacións e transparencia se quere non saír manchado como o míster X desta nova acción ilegal. Pero, Martxelo, María, xa vistes que o PSOE uniuse ao PP e Vox no Congreso para impedir unha comisión de investigación. El saberá...

Comentarios