Opinión

O outro Barça

Esta cuarta feira o FC Barcelona Feminino xogou por primeira vez no Camp Nou. O partido foi moi bo, un 5 a 2 contra o Real Madrid é sempre bo, aínda que houbo algún momento en que parecía que o equipo español ía amargar a festa.

E digo festa porqué en realidade o partido ía moito máis alá dun simple enfrontamento entre as xogadoras. O estadio encheuse até arriba con 91.553 espectadores, feito que representaba un récord mundial de asistencia a un partido d fútbol feminino. E o ambiente era de gala. Hai moito tempo que non se xunta tanta xente nun partido de fútbol masculino e desde logo o nivel de animación e de festa que se viviu non tiña nada que ver cos partidos de homes. Moito mellor, moito máis san, moito máis contaxioso. A chegada do equipo ao estadio, co autobús abríndose paso de maneira difícil entre a multitude é unha imaxe moi potente que quedará na nosa retina durante anos.

Con este partido, de cuartos de final da Champions, parece ser que por fin se normaliza unha realidade cada día máis evidente: o fútbol feminino non é un fútbol de segunda. O presidente Joan Laporta deixouno de manifesto ao final do partido: o FC Barcelona que guía o club agora, cando o fútbol masculino parece que aínda está a recuperase, é o feminino. Son elas as que xogan como sempre xogou o Barça, as que representan os valores de sempre do club e as que triunfan divertindo á xente, no mellor estilo da casa.

O próximo paso serán as semifinais, que xa está anunciado que se xogarán tamén no Camp Nou. E se chega á final da Champions, a ver se se produce o desprazamento masivo da afección, neste caso a Turín, ao estadio da Juve, que é un dos clubs que aínda está vivo na competición.

O ano pasado a final gañouna por primeira vez o Barça. Co ambiente que se creou agora parece que tocaría repetir.

Comentarios