Opinión

Negociación

A negociación para a formación do Goberno de Catalunya avanza lentamente e con moita discreción. As opcións agora mesmo parece que se van clarificando e estariamos a falar da formación dun Goberno presidido por Esquerra Republicana, de coalición con Junts e coa CUP entrando a formar parte da mesa do parlamento pero non do Goberno como tal. A opción de sumar aos comúns vese como máis complicada pero Esquerra quere contar con eles.

Efectivamente como dis, Martxelo, o tema do comportamento das unidades antidisturbios dos Mossos, a Brimo, está sobre a mesa. A CUP ten moito interese en que forme parte da negociación mais os outros dous partidos parece que non tanto.

Eu creo que hai moito tempo que se deberían tomar medidas respecto diso. Agora paréceme xa indispensábel a disolución desta brigada que xerou incidentes constantes e que se comporta cunha brutalidade moi afastada do que a cidadanía quere que sexan os Mossos.

Hai que camiñar cara a un modelo de policía que minimice as intervencións violentas

De todas as maneiras o problema é moito máis complexo e require un cambio a fondo, que non se pode articular nin en poucas semanas nin en poucos meses. Seguramente hai que camiñar cara a un modelo de policía que minimice as intervencións violentas e dea prioridade á mediación e á procura de solucións alternativas á represión.

Un exemplo claro que supoño que se entenderá. Agora unha das accións máis criticadas da Brimo é a súa actuación nos desafiuzamentos. Neste caso actúa como policía xudicial pero o Goberno podería pactar cos concellos axudas urxentes para recolocar as familias concretas que van ser desafiuzadas, que serán acollidas noutros pisos, antes da intervención policial. Cónstame que así o están a facer moitos municipios, mais non Barcelona, e esta creo que é a vía. Moito mellor que enfrontarse aos veciños e á xente que os defende.

En calquera caso, o debate está sobre a mesa e paréceme bo que se aborde desde agora mesmo, aínda que se discrepe respecto a cantos pasos hai que dar nun primeiro momento.

Comentarios