Opinión

A nación son os seus medios

Esta semana o Goberno español freou no último minuto a presentación ao seu Parlamento dunha Lei do Audiovisual claramente lesiva contra as nosas linguas. A necesidade de votos que o Goberno español ten, especialmente dos votos de Esquerra Republicana e EH Bildu, parece conseguir o pequeno milagre de facer entender ao PSOE que máis lle valía non prender este lume. Veremos como acaba todo mais a polémica creo que debería servir para que nos fixemos máis na importancia do audiovisual á hora de crear un imaxinario nacional.

Unha frase famosa di que unha nación é alá onde chegan os seus medios. Non é do todo exacto pero enténdese. Portbou e Cervera, por exemplo, son dúas poboacións catalás, situadas unha a cada banda da liña fronteiriza que divide o país entre España e Francia. O material humano, por dicilo así, é o mesmo pero a diferenza real é moi grande, en boa parte polos medios. Portbou é fútbol e Cervera é rugbi, por exemplo. Porque é o que as televisións difunden. Un espectador de Portbou está informado do tempo que fará en Huelva pero non do que fará en Perpiñan. E o de Cervera saberá o tempo de Quimper pero non o de Xirona. E así todo. 

A chegada de Internet e as plataformas dixitais aínda complicou máis o panorama así que é urxente aproveitar esta lei para lexislar a favor da pluralidade lingüística, o que non se fixo coas privadas

A creación das televisións autonómicas variou o panorama nos anos oitenta e algunhas delas xogaron un papel sensacional á hora de matizar ou romper con este absurdo. Pero esta fase positiva rompeu coa irrupción das televisións privadas ás que non se lles esixiu ningún respecto ás linguas oficiais excepto o castelán e as prohibicións contra TV3 no País Valenciá ou de EiTB en Navarra ou das televisións portuguesas na Galiza. A chegada de Internet e as plataformas dixitais aínda complicou máis o panorama así que é urxente aproveitar esta lei para lexislar a favor da pluralidade lingüística, o que non se fixo coas privadas. Espero que os votos en Madrid sirvan para isto. 

Comentarios