venres 28/01/22

Molac

Esta fin de semana Baiona e Perpinyà, entre outras cidades do Estado, son o escenario de manifestacións de protesta contra a censura efectuada polo consello constitucional francés contra a chamada Lei Molac. A lei proporcionaba un marco xurídico mellorado para a defensa do vasco e o catalán, tanto no ensino como na vida pública e social e foi o froito da tenacidade do deputado bretón que asocia o seu nome ao texto pero tamén ao traballo de centenares de asociacións entre as cales as ikastolas no teu país Martxelo e as Bressola e outras escolas catalás no meu.

O combate pola recuperación das nosas linguas, e tamén do occitano, o bretón, o flamenco, o alemán de Alsacia ou o corso, non é novo en absoluto. Hai décadas que loitamos por iso. Pero nesta ocasión o episodio do constitucional revela algúns detalles que estes si que son novos e que indican que hai cousas de moita profundidade e calado movéndose ao norte tamén.

Primeiro a mesma aprobación da lei na Asemblea francesa, con 247 deputados a favor e só 76 en contra -e iso a pesar da oposición do ministro de educación. Foi esta unha gran vitoria que logo se viu embazada por manobras sucias e pouco claras para conseguir 61 sinaturas, unha máis das necesarias para levala ao constitucional. Onde nove técnicos a declararon inconstitucional. O feito de que entre os 61 asinantes 53 foran de París provocou un auténtico escándalo e engadiu un claro compoñente político ao que en principio algúns trataban de presentar só como unha disputa cultural.

Veremos como acaba todo este episodio. Hai quen xa está a falar de reformar a constitución para suprimir o nefasto artigo dous e isto, por si mesmo, xa é un indicador claro de que tamén no Estado francés algunhas cousas -o equivalente ao lingüicidio que persegue galegos, vascos e cataláns en España- xa non se poden acceptar sen máis.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Molac
comentarios