Opinión

Minoría

Esta quinta feira o presidente Torra compareceu ante o Tribunal Supremo español para presentar un recurso ao proceso de inhabilitación posto en marcha pola súa defensa dos presos políticos cunha pancarta. De confirmarse o que todas e todos agardamos será a primeira vez na que un presidente de Cataluña é inhabilitado no exercicio das súas funcións.

E as consecuencias dun feito desta gravidade é evidente que van ser enormes. Porque se violaron toda sorte de dereitos persoais e colectivos. E porque de maneira inmediata ábrese a porta para realizar a final de ano as eleccións catalás. Por certo, que serán as segundas seguidas que non convoca o presidente da Generalitat.

Visto en perspectiva, no entanto, a sesión no Supremo podería ser destacábel no futuro, sobre todo, porque por primeira vez a defensa expuxo os seus argumentos a partires da demostración, ou do intento bastante ben resolto da demostración, da existencia dunha discriminación por parte do Estado español sobre a minoría nacional catalá.

O concepto de minoría nacional non está arraigado entre nós e sorprendeu. Estamos acostumadas e acostumados a recoñecernos como nazón, non como minoría nacional. Mais o seu uso concreto non é nada accidental.

Para entendelo temos que recordar que no espazo xurídico europeo o independentismo catalán está a lograr unhas vitorias importantes que acurralan cada vez máis España. Usando o que foi coñecido como a teoría do dominó. Unha peza sempre se usa para facer caer outra.
 
A decisión do Supremo será recorrida en Europa, e vista na súa parcialidade, será derrotada tamén. Pero agora sabemos xa que da súa man, elevarase moito o debate xurídico ante os tribunais europeos. Concretamente cuestionando se pode a Unión Europea permitir e alentar a persecución política dun grupo nacional minoritario.

A resposta, que chegará seguro, podería ser un final de percorrido para España abrir camiños novos, non só para os cataláns.

Comentarios