Opinión

Matar a xornalista

Moitas das redaccións dos xornais están cheas de detalles acumulados ao longo dos anos, cousas, obxectos que explican a historia da redacción, que contan anécdotas da xente que traballou: acreditacións, pósteres, premios, un pouco de todo.

Pero non sempre eses recordos son agradábeis. Ás veces teñen que ver coa represión, coas dificultades para exercer o xornalismo que dunha forma ou outra nos acosa a todos.

Hai uns anos, en Catar, impresionoume dunha maneira moi particular a redacción de Al Jazeera. O exposto eran cousas como varios móbeis da oficina da cadea en Bagdad que foi destruída por un mísil disparado por Estados Unidos. Ou a roupa de cor butano que un xornalista da cadea levara durante anos mentres estivo prisioneiro en Guantánamo. Tamén o carné profesional e unhas fotografías que atoparon no peto dun dos seus reporteiros asasinado en Libia. Ou unha cámara de televisión destruída polo impacto dun dron.

Desde o ano 1996, un total de dezaseis xornalistas de Al Jazeera morreron mentres traballaban. Dous en Iraq, un en Libia, un en Iemen e sete en Siria. A última, esta semana mesma, unha das veteranas da cadea, Shireen Abu Akleh, asasinada en Palestina por un disparo do exército israelí.

Abu Akleh era unha das caras máis coñecidas e populares da cadea tanto na canle en lingua árabe como na canle en lingua inglesa. Palestina de nacemento, e cristiá, traballaba desde había moitos anos en Xerusalén, unha das corresponsalías fundamentais da cadea, de feito de calquera gran cadea internacional.

Non hai nada que xustifique o asasinato dunha persoa civil a mans do exército de ningún país. Baixo ningunha circunstancia. Pero evidentemente para min a situación vólvese moi especial cando quen é asasinada é unha xornalista. E estou seguro de que nisto coincidimos completamente, María e Martxelo.

Comentarios