Opinión

O perímetro da represión posíbel

Esta semana, Martxelo e María, a eurodeputada e relatora da comisión de investigación sobre Pegasus, Sophie in ‘t Veld, fixo públicas as súas conclusións sobre a espionaxe masiva con este software en Europa. Sophie in ‘t Veld é holandesa, da partido Democracia 66, e é parte no Parlamento Europeo do mesmo grupo onde está Ciudadanos.

As conclusións, que agora discutirá a comisión, son moi duras con España. Acúsase o estado español de non colaborar coas investigacións e mesmo de denigrar as vítimas da espionaxe, mais recoñécese de maneira explícita a diferenza entre a investigación que España fai nos casos de Pedro Sánchez, Grande Marlaska e Margarita Robles e no caso de afectados cataláns.

As institucións internacionais e europeas estanlle dicindo a España que non pode usar a violencia para reprimir a reivindicación da independencia

Toda a clase política catalá situou este informe no marco dos paus continuos que están a recibir as autoridades españolas desde as institucións europeas e internacionais, basicamente desde a Unión Europea, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e diversas institucións da ONU. E chega precisamente no momento en que se achegan no calendario decisións moi importantes, tanto na Unión Europea como na ONU.

Aquí, no meu país, cada vez aparece como máis evidente que o que está a pasar é que desde as institucións europeas e internacionais estánselle perimetrando a España de maneira sistemática os límites da represión que pode exercer e a que non. Unha perimetraxe que ten un interese evidente mirando ao pasado pero que o ten máis aínda coa mirada posta no futuro -e non só pensado en Catalunya, senón en todas as nacións e territorios que forman parte aínda do estado español-.

Ao final, o debuxo que está a aparecer é que desde as institucións internacionais e europeas estáselle dicindo a España que non pode usar a violencia para reprimir a reivindicación da independencia e que un proceso político que non se basea na violencia nin ataca os dereitos fundamentais da xente é perfectamente lexítimo.

Comentarios