Opinión

Madrid é o tema

Querida María, non podo estar máis de acordo co teu artigo desta semana. Efectivamente os datos do informe do Ministerio de Facenda español sobre a distribución territorial do investimento do sector público de 2021 non deixan lugar a dúbidas. No noso caso, aquí nos Países Cataláns, as cifras doen de verdade. En Catalunya só se executou un 35% do que se orzou e no País Valenciano o 42%. Pero ao mesmo tempo en Madrid executouse o 184%. En datos por habitante o goberno español investiu 93 euros por habitante no País Valenciano e 96 en Cataluña mentres que en Madrid -por gasto rexionalizábel- investiu 309 euros por habitante. E digo por gasto rexionalizábel porque Madrid queda coa maior parte ademais do gasto non rexionalizábel.

O escándalo é permanente, mande quen mande en Madrid. E veñen de séculos porque o problema é precisamente Madrid. España no seu momento decidiu pór o seu capital nun sitio onde non había nada nin existía ningún medio de comunicación. Fixádevos, María e Martxelo, nun mapa de Europa. Non hai practicamente ningunha outra capital, importante, que non estea no mar ou nun río importante.

A capital lóxica de España tería sido Sevilla. Ou Toledo ou Lisboa, incluso Barcelona. Pero o capricho dos Austrias creou un monstro que ao longo dos séculos só pode sobrevivir a base de comer todo o que hai ao seu redor. E esta é unha tendencia que de maneira moi alarmante creceu nos últimos anos. Pasqual Maragall avisou diso nunha artigo extraordinario ('Madrid vaise') que publicou en febreiro de 2001. O president avisaba que non se podía continuar por este camiño de fagocitación do estado por Madrid e esta foi a base do transvasamento de boa parte da base histórica do PSC ao independentismo.

Porque, efectivamente María, como ti ben dis, o que os gobernos españois fan é subtraer capital de todo o espazo peninsular para facer posíbel que ese monstro sen recursos propios que é Madrid, e as súas elites, poida vivir a corpo de rei.

Comentarios