Opinión

Llach

O ano rematou aquí no meu país cun gran concerto de Lluís Llach no Palau Sant Jordi de Barcelona. Un acto que foi, como tantas veces antes, máis que un concerto. Llach retirárase como músico en 2007, pero semellaba que non o tiña feito porque o recital foi magnífico. Magnífico en termos musicais, magnífico en termos da xenerosidade que Llach sempre amosa e que se concretou na participación doutros músicos mozos e magnífico desde o punto de vista político tamén. Llach xa rescatou o país en ocasións anteriores cos seus grandes recitais e fíxoo de novo esta vez. Non hai palabras para agradecerlle o seu compromiso e o seu rigor. 

Un compromiso que no ámbito da música os nosos países tiveron a sorte de poder contar sempre. A Nova Cançó foi un movemento esencial para a recuperación democrática e para a cultura catalá, como o foron os movementos paralelos nos vosos países. No seu momento Al Tall, Oskorri e Milladoiro xa realizaron o seu particular Galeusca musical compartindo escenarios. Non podo esquecer, María, que o admirado Zeca Afonso estreou Grândola en Compostela, a capital da Galiza.

Persoalmente seguín a música vasca e galega con entusiasmo desde hai anos. "A lenda da pedra do destiño" de Emilio Cao é un dos mellores discos que escoitei na miña vida. Jabier Muguruza é un músico que me fascina. E tantos e tantos máis cantantes ou grupos permitíronme a través da súa música coñecervos mellor e entrar nas vosas culturas. 

Así lin Rosalía a través de Amancio Prada. Ou coñecín Joxean Artze, obrigado por aquel estremecedor Txoria txori do gran Mikel Laboa. I Muvrini en Córcega, Allan Stivell en Bretaña e The Chieftains en Irlanda xogaron un papel similar na vida dos seus países. Lembro ver exposto na vitrina do Museo da Bretaña o LP Un dewezh ‘barzh ‘gêr e pensar que era un recoñecemento merecido a esta música que tanto nos axudou e que tanto o segue a facer hoxe. 

Comentarios