Opinión

Linguas

Oque sucedeu na Llagostera, querido Martxelo, querida María, non é moi diferente do que pode suceder e sucede cada día en boa parte do Estado español. A eles, quero dicir, aos españois, non lles gusta recoñecelo pero o seu estado, que é provisionalmente o noso, é o que presenta máis variedade nacional na actual Europa, excepto Rusia se a incluímos tamén no mapa. E víveno non como unha riqueza senón como un problema. É a chave de todo.

Ao final somos pouco menos da metade os habitantes nados en zonas que non son na súa orixe falantes do español. E non estou a falar só das seis comunidades autónomas oficialmente con lingua propia ―tres catalás, dúas vascas e Galiza. Estou a falar tamén dos nosos límites particulares como son a Franxa de Ponent aragonesa e o Carxe murciano no caso da lingua catalá e do Bierzo ou  Seabra en Castela e León, Eo-Navia en Asturias ou o Val de Xálima en Estremadura, no caso da lingua galega. Pero tamén Vall d' Aran occitana ou de todo o territorio da lingua asturiana e leonesa e da lingua aragonesa, practicamente sen recoñecemento oficial. A parte do árabe e o tamazigh orixinarios das dúas cidades sobre a cales España mantén a súa soberanía en África.

Esta enorme variedade e diversidade, como é lóxico, esconde situacións moi diferentes no seu interior. Pero fixádevos que sempre hai un denominador común. Para o Estado español as linguas que non sexan o castelán sempre son consideradas un perigo para a súa integridade. E a proba é a obcecación en non permitir o seu máis mínimo avance nin nos casos máis agónicos. Sirva como mostra a oposición a que o asturiano sexa lingua oficial, como vén pedindo de maneira exemplar e constante boa parte da súa poboación ou a persecución de cousas tan simples como a rotulación e a toponimia no caso da lingua aragonesa como vimos recentemente de novo no caso do nome en aragonés de Uesca.

E se eles están contra todas as linguas, que conclusión podemos sacar senón que o seu proxecto é acabar con elas. Historicamente foi así, de maneira brutal ou refinada, segundo o período. E actualmente é así e as polémicas constantes non son senón a proba. A proba tamén do fracaso do seu estado. Durante a transición desde o franquismo puido parecer que  aceptaban a súa diversidade para construír un espazo de convivencia. Pero hoxe é evidente que non poden. Non son capaces.

Comentarios