martes 24/11/20

Linguas, aínda

O deputado da CUP Albert Botran e o deputado do BNG Néstor Rego quedaron sen palabra, literalmente, esta semana no congreso español. No debate sobre a lei de educación os dous interviñeron en catalán e en galego. Outros voceiros o fixeron tamén pero pasaron ao español no momento en que a presidenta da Cámara, a catalá Batet, llo indicou. Botran e Rego non o fixeron, seguiron a falar na súa lingua e o resultado foi que os botaron da tribuna.

Curiosamente en outubro de 2017 á presidenta Batet, entón simple deputada, si se lle permitiu facer unha intervención en catalán para atacar a inminente declaración de independencia que chegaría pouco despois. Non só iso: Ana Pastor, que entón presidía a Cámara, incluso se atreveu a recordar que ela mesma era dun 'territorio bilingüe'. Pastor é da comarca oficialmente castelán-leonesa pero de lingua galega do Bierzo.

Os deputados das provincias oficialmente bilingües son 140 sobre o total de 350.

Tanta efusión lingüística só se aceptou, excepcionalmente, para ir contra a independencia de Catalunya, como se veu ben esta semana. Rego e Botran son o exemplo vivo e concreto da incapacidade española de atender, non digo xa de promover, a diversidade.

O que pasa é que o xesto desta semana devólvenos ao vello debate sobre que pasaría se os deputados no Congreso adoptaran con normalidade, cada día, a actitude que Botran e Rego adoptaron excepcionalmente neste debate.

Os deputados das provincias oficialmente bilingües son 140 sobre o total de 350. Evidentemente non todos eles saben falar catalán, vasco, galego ou asturiano y, ademais, algúns non o falarían de ningunha maneira, por política. Pero só coas forzas soberanistas xa suman uns corenta e deixar sen palabra a corenta deputados, cada día e todos os días, crearía unha situación insoportábel que estou seguro que acabaría resolvéndose da única maneira razoábel: plasmando no parlamento español a realidade plurilingüe agora escondida e perseguida.

comentarios