Opinión

Lesbianas

Esta semana, Martxelo e María, vivimos unha das polémicas máis surrealistas que lembro. Todo empezou durante a presentación da 'Pride Week' de Palma. Durante ese acto a organizadora da mesma, Kristin Hansen, dixo unhas palabras que crearon un máis que xustificado estupor. Esta señora, unha alemá que fai case vinte anos que vive en Mallorca e non fala nin unha palabra en catalán, permitiuse afirmar que a 'Pride' é importante porque "virá xente do campo que seguramente non viu nunca unha lesbiana e dirá: Anda! unha lesbiana! Pero se é igual que calquera outra persoa". E engadiu, por se a cousa non quedara clara, que "é importante porque cando te metes quince quilómetros ao interior da illa xa ves que hai outra mentalidade".

Xa podedes imaxinar a que se armou. A frase, e o concepto que esconde, non é que sexa desafortunada senón que é indignante. É o claro reflexo dunha mentalidade provinciana e elitista que case parece imposíbel que exista no século XXI. Como pode alguén no seu san xuízo pensar que unha persoa de Manacor ou de Sa Pobla, de Pollença ou de Andratx sorprenderase de ver unha lesbiana? Que descoñecemento tan grande da realidade onde vives se esconde tras ese comentario. E que desprezo pola realidade. O matrimonio homosexual foi unha realidade en Mallorca moito antes que en Alemaña e a normalidade das relacións amorosas de calquera tipo en Mallorca ten unha tradición que vén de máis lonxe aínda. En vinte anos que leva vivindo esta señora entre nós aínda non se decatou?

A polémica, incribelmente, alongouse toda unha semana até que a quinta feira o alcalde de Palma decidiu anular a 'Pride Week', que tamén era moi discutida polo seu contido eminentemente comercial, e cesar a concelleira de Podemos Sonia Vivas, que era quen tiña a responsabilidade política do despropósito. Fíxoo á vista das críticas xeneralizadas ao episodio, que incluían os principais grupos LGTBI da illa, como Ben amics. Así que ben está o que ben acaba. Pero que vergonza tan grande tivemos que pasar.

Comentarios