Opinión

Junqueras e Puigdemont

Esta semana conmemoramos os cinco anos da proclamación polo Parlamento da independencia de Catalunya. Estou seguro, María e Martxelo, que ningún dos que vivimos aquel día imaxinamos que a política catalá cinco anos despois sería este bulleiro cheirento que é. Mais as cousas son como son.

Aquel día, de feito desde o mesmo momento en que Carles Puigdemont apareceu como por encantamento para substituír no último segundo o presidente Mas, dous nomes sobresaen na longa nómina de xente importante que desempeñou un papel determinante á hora de derrotar o Estado español co referendo do primeiro de outubro e de inflixir unha ferida que pode chegar a ser mortal, coa proclamación da independencia e todo o que esta desencadeou. Os nomes, xa o sabedes, eran Carles Puigdemont e Oriol Junqueras, 130 presidente e vicepresidente do Goberno respectivamente mais tamén líderes do PDeCAT e de Esquerra Republicana.

É coñecido que despois da proclamación, Carles Puigdemont optou polo exilio e Oriol Junqueras entrou en prisión. E de todos é sabido como o seu enfrontamento político, pero mesmo persoal, influíu en todo o que aconteceu despois. 

Son, eles, dous carácteres moi diferentes en case todo. Tamén na relación coa política e na forma de entender o que é un partido e a quen se debe. Cos anos as diferenzas entre eles acrecentáronse moito, na medida que as estratexias que os dous propoñen afastáronse xa até un punto irreconciliábel. Pero non hai máis remedio que recoñecer, con prisión e exilio polo medio, coas reconversións do PDeCAT até o que hoxe é Junts, con formacións de Goberno entre eles e gobernos rotos entre eles tamén, Oriol Junqueras e Carles Puigdemont seguen sendo hoxe, cinco anos despois, os dous políticos máis importantes de Catalunya, as dúas persoas máis determinantes para que pase calquera cousa. E isto non sei ben que quere dicir, pero sei que di moito.

Comentarios