Opinión

Inmersión

Como sabedes, María e Martxelo, a inmersión lingüística é un tema clave en Catalunya. Non só por motivos de lingua senón tamén de cohesión social. A verdade é que a súa aplicación era máis que defectuosa, especialmente en secundaria, e restrinxíase só ao Principado xa que no País Valenciano e as Illas non existía esta posibilidade -na Catalunya Norte, en cambio, existen as escolas Bressola que son as que aplican a inmersión mellor, pero só representan unha parte, importante iso si, do alumnado-.

O recente ataque xudicial que obriga aos centros para impartir un 25% das clases en español provocou unha gran convulsión cidadá que tivo diversos reflexos estes últimos días. Primeiro foi unha folga do sector educativo que, segundo os sindicatos alcanzou o 40%. Non parece moito pero hai que ter en conta que viñamos doutra folga de catro días a semana anterior e que as manifestacións foron moi concorridas.

A noticia máis interesante, con todo, proveu das familias afectadas pola primeira sentenza, as da Escola Turó do Bosc de Canet de Mar. Se lembrades, todo empezou aquí cando unha familia esixiu este 25% de español, contra a opinión do resto da clase. Pois ben, o que non fixo o goberno catalán fano as familias, que presentaron unha denuncia nos tribunais esixindo o retorno á modalidade de inmersión, dispostos a levar o caso até os tribunais europeos se é necesario. A querela preséntana as 28 familias afectadas pola denuncia dunha de soa.

Nun claro contraste con esta actitude, finalmente, os partidos do goberno (Esquerra e Junts) anunciaron un pacto co PSC e os Comúns para unha modificación da Lei de Política Lingüística que consagrará, agora de forma legal, a presenza do castelán no ensino. A decisión, como podedes imaxinar, causou unha gran indignación. Pero a verdade é que xa non me sorprende nada deste lamentable goberno "independentista" que temos.

Comentarios