Opinión

Guillem

Mentres agardamos a inhabilitación do president Torra, que pode chegar no tempo que media entre escribir este artigo e a súa publicación, ídesme permitir que esta semana, Martxelo e María, vos fale de cinema. Concretamente da película La mort de Guillem.

La mort de Guillen é un filme de Carlos Marqués-Marcet que conta o asasinato do mozo independentista valenciano Guillen Agulló a mans dun comando da extrema dereita o ano 1993. Aquel asasinato marcou unha xeración enteira, causou unha conmoción enorme e ensinou o máis sucio e abxecto da política e dos medios, que tentaron tapar e agochar o contido político e incluso converter a vítima en culpábel.

Mais como di Josep Guia, os fascistas acertaron a quen debían matar pero erraron coa súa familia e amigos. Porque os Agulló-Salvador reaccionaron como leóns e converteron o asasinato do seu fillo nun conflito político maior.

O nome de Guillen Agulló, hoxe, é un símbolo. Dedicáronselle rúas por todo o país. O luns a Generalitat de Cataluña concedeu aos seus pais a Creu de Sant Jordi pola súa loita pola memoria e a democracia. As Cortes Valenciás hai tres anos instauraron un premio co seu nome. E antes diso, moito antes, Obrint Pas sacou a canción ‘No estás sol’ e as manifestacións, todas, enchéronse co grito ‘Guillen Agulló, ni oblit ni perdó’.

E agora chega o cinema. Este verán seguín a través de Nós Diario a estrea e difusión do filme sobre Moncho Reboiras e paréceme que ambos casos amosan que o cine pode facer un gran servizo á causa da democracia e a memoria colectiva.

No caso de La mort de Guillen o fará ademais cun impacto único. Por vez primeira as tres televisións públicas autonómicas, À Punt, TV3 y IB3, estrearán de maneira simultánea unha película, e será a de Guillem. Farano a próxima sexta feira e neste feito moitos vemos unha gran vitoria. Outra máis de Guillem Agulló.

Comentarios