Opinión

Europan

"A diferenza no caso de Puigdemont e os exiliados é que eles están nun espazo real de xustiza, onde as leis se cumpren, os regulamentos respéctanse, os feitos contan e todo é previsíbel", explicábame na cuarta feira pola tarde un avogado e bo amigo. Segue: "é todo o contrario do que ocorre en España, onde a xustiza é imprevisíbel porque se aplica a vontade do xuíz e os seus intereses ou manías, esa é a gran diferenza e iso é o que os exiliados souberon aproveitar ben".

A conversación viraba ao redor da decisión do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de aceptar as cautelas presentadas por Puigdemont, Comin e Ponsatí, devolvéndolles así de inmediato a inmunidade que o Parlamento lles retirou nunha votación rifada. 

A decisión é moi rechamante porque nunca antes o tribunal tiña concedido unha cautelar anulando un suplicatorio. Segue o meu amigo: "porque nunca antes se producira unha situación como esta: España pide o suplicatorio para envialos directamente a prisión, sen xuízo, e a persecución política é demasiado evidente como para podela disimular falando de malversación". "De feito -dime- fíxate que o tribunal adopta a cautelar sen nin sequera esperar a que o Parlamento explique a súa versión e iso si que é raro e excepcional".

De momento pois os tres eurodeputados de Junts poderán moverse libremente por toda a Unión Europea, excepción feita do Estado español. Pero agora esta anomalía parece que ten un horizonte temporal. Sigo coa conversación: "se o Tribunal finalmente decide restaurar a inmunidade dos tres eurodeputados o lóxico sería que estes preguntasen se esa inmunidade afecta a España e o tribunal só podería responder que si. E se iso pasa calquera eurodeputado pode pedir amparo ao parlamento e que se lle protexa se visita un lugar perigoso". Cousa que, dime, significa que poderían volver a Barcelona, protexidos pola Unión Europea. "Pero non corramos tanto, que o exilio está a demostrar que cada peza debe caer ao seu momento".

Comentarios