Opinión

Esquerda

Queridos Martxelo e María. Nos vosos artigos hai unha coincidencia que comparto en sinalar os tribunais, a Administración de xustiza e o poder xudicial como o grande ariete que golpea desde o Estado os nosos pobos. Non só contra a nosa conciencia nacional, senón tamén contra os máis elementais dereitos democráticos.

Isto é perfectamente visíbel, estou de acordo convosco e non creo que o poida discutir ninguén. Pero tamén creo que hai que ir máis aló das circunstancias particulares.

É evidente que os poderes do Estado están impregnados até a medula dos restos do franquismo. Na xustiza, no exército, no servizo exterior, alá onde houbo tempo para que se instalen teas de araña seguro que temos o peor do peor.

Pero, dito isto, creo que temos que ser conscientes de que non podemos esperar nada de España. Tampouco, por desgraza, da que retoricamente parece ser que lle gustaría desviar agora o debate, da independencia cara a unha simple confrontación entre poderes do mesmo Estado.

Só hai que botalos á rúa. Por que non o fan?

É evidente que o franquismo sociolóxico que teñen tanto poder dentro das institucións non quere tampouco a Pedro Sánchez e menos aínda a Podemos. Mais tamén hai que dicir que, como mínimo, Pedro Sánchez e o Partido Socialista non son de fiar.

Non son de fiar e non o serán na medida que non adopten decisións, que simplemente non adoptan. Tomemos como exemplo o escándalo provocado polo vídeo onde se ven militares españois facendo o saúdo fascista e cantando himnos da División Azul. A que espera o Goberno para disolver esa unidade de inmediato, sen agardar nada máis? Fíxoo Alemaña en diferentes ocasións os últimos meses. Fíxoo Italia recentemente. Por que España non? É sinxelo: só hai que botalos á rúa. Por que non o fan?

Non creo, en consecuencia, que o problema só sexan uns xuíces ou uns militares ou uns funcionarios. Hai un problema tamén, e ben gordo, na suposta esquerda progresista española. Para desgraza de todos.

Comentarios