Opinión

A esquerda e Ucraína

No seu libro, À la première personne, Alain Finkielkraut retratou hai uns anos dunha maneira magnífica o comportamento dunha certa esquerda europea que non soporta o que el chamaba "a aversión aos feitos inclasificábeis". Finkielkraut explicaba e razoaba a existencia dunha esquerda vaga, vaga no sentido de pouco traballadora intelectualmente. Dunha esquerda que cando ocorre algo que non encaixa no marco mental no cal está afeita vivir e a través do cal está afeita a mirar o mundo simplemente négao. Négao a prezo de mostrar unhas incoherencias máis que notábeis e moitas veces a prezo tamén de perder a razón moral.

Está a pasar agora mesmo coa guerra de Ucraína. Sorprende moito ver unha certa esquerda europea refuxiarse nos tópicos máis antigos para evitar poñerse á beira do pobo ucraíno. Botando man das vellas rifas da Guerra Fría como se Rusia fose aínda a URSS e a OTAN non se movese un milímetro do que era. Ou xogando perigosamente coa etiqueta nazi para referirse a un país, Ucraína, atacado hoxe de maneira inxustificábel por un poder imperialista.

A comodidade, o confort intelectual, é sempre moi perigoso. Pero, e esta é a miña opinión persoal e nada máis que iso, é especialmente indigno se unha se di e se cre de esquerdas, como sería o meu caso e posibelmente o de tantos lectores, María e Martxelo, dos nosos tres diarios.

Non atreverse a cuestionar o que fomos, o que cremos ou o que foi o noso mundo é unha actitude profundamente conservadora. Moi cómoda, iso é verdade, pero nada revolucionaria. E funcionar a base de etiquetas e slogans é precisamente o que fixo posíbel a destrución de sociedades nadas revolucionarias e populares pero que morreron porque se desconectaron até tal extremo da realidade que non era posíbel que servisen para ofrecer o mínimo de dignidade necesaria aos seus propios cidadáns.

Comentarios