Opinión

España non dá para máis

A reforma do código penal só tardou dúas horas en mostrarse inútil. As dúas horas que o xuíz Llarena tardou en publicar a súa alegación para seguir perseguindo por Europa aos exiliados cataláns, o presidente Puigdemont na cabeza.

Toda a disquisición palatina que aguantamos durante meses, sobre se malversación así ou daquela maneira, sobre se se desxudicializaba ou non o debate político, saltou polo aire ao primeiro golpe de papelame xudicial. Ao final era tan sinxelo como retorcer o sentido do aprobado. E que ía impedir que o fixesen os mesmos que levan sete anos retorcendo a xustiza a diario?

A desxudicialización nin está no menú nin se espera por ela porque non depende do goberno, nin das maiorías parlamentarias, nin do parlamento

España non dá para máis e o seu parlamento non dá para máis. A desxudicialización nin está no menú nin se espera por ela porque non depende do goberno, nin das maiorías parlamentarias, nin do parlamento sequera. Depende da xustiza paleofranquista e podemos supor que do rei, como xefe. E a estes dálles igual o que fagan os políticos. Como Llarena demostrou.

Se Marchena segue a liña marcada por Llarena aos ex presos políticos non lles van quitar nin un día de inhabilitación e o sottogoverno xa pode ir preparándose para entrar en prisión. Eu teño as miñas dúbidas sobre se Pedro Sánchez nalgún momento de verdade se propuxo que había que modificar España -aínda que a verdade é que cabe preguntarse se existe algún momento de verdade, nunca, en Pedro Sánchez.

Se non o fixo, se todo este 'paripé' era unha trampa, os que se lanzaron alegremente a gabalo e axudalo talvez algún día nos deberían dar unha explicación sobre por que levaron este país onde o levaron, só a cambio dun caramelo que nin sabe a caramelo.

E se o fixo, se de verdade creu que podía haber outra España, pois poucas probas máis necesitaremos para comprobar que non hai nada que facer con este país que rodeamos cataláns, occitanos, vascos, asturianos, galegos, portugueses e africanos. Con esta España da que só cabe fuxir.

Comentarios