Opinión

Escapóuselle, a Tamames

Unha das ocorrencias de Ramon Tamames que moveu ríos de tinta foi cando situou en 1934 o inicio da guerra de Franco, acusando Largo Caballero de iniciala. Moita xente viu nesta declaración a asunción por parte do vello comunista dunha das teorías básicas do franquismo: aquela que tenta diminuír o carácter criminal da insurrección a base de repartir as culpas entre os rebeldes e toda aquela xente fiel á democracia e á lexitimidade. Con todo, a min chamoume a atención outra frase de Tamames, creo que moito máis interesante, referida ao outro extremo cronolóxico do franquismo. Cando lle deu por explicar a penosa transición debuxou catro etapas e a primeira, a que por tanto daba inicio á democracia, era a Lei da Reforma Política aprobada polas cortes franquistas.

Non deixa de ser interesante o detalle. Hai anos que defendo, evidentemente desde as antípodas do que Tamames representa, que a Constitución de 1978 non é a peza determinante desta democracia tan imperfecta que temos hoxe senón que a pedra angular é a Lei de Reforma Política de 1977. Cousa que significa, e iso é o que se lle escapou a Tamames, que a Constitución actual foi pilotada desde o franquismo e marcada polo réxime para conseguir os seus obxectivos. Talvez recordaredes, Martxelo e María, aquela frase que repetían os franquistas cando lles preguntabas: Despois de Franco que? E respondían que despois de Franco, as institucións, e así foi.

O pecado orixinal da Constitución do 78 é que foi redactada por un Parlamento non constituínte

A Constitución española aínda vixente hoxe está marcada por ese control. O seu pecado orixinal, nin máis nin menos, é que foi redactada por un Parlamento non constituínte, que ninguén elixiu pensando que faría este traballo. E nas súas bases máis profundas a Lei de Reforma Política do franquismo é a directriz que guía os aspectos centrais da mesma. Un detalle que debería ser resaltado: Juan Carlos nunca xurou a Constitución do 78 porque naquel momento non era un corte co pasado senón o desenvolvemento lóxico dun pasado onde el xa xurara lealdade. Ao chamado Caudillo.

Teño curiosidade, por esta razón, por entender por que tanta xente se enfadou coa deformación do relato histórico que representaba iniciar a guerra en 1934 e tan pouca co relato que fai iniciar a democracia en 1977. Complicidade? Vergonza?

Comentarios